Estes murais súmanse aos inaugurados a semana pasada nos concellos de Negreira, Cee e Corcubión, no itinerario do Camiño Fisterra-Muxía.
A Deputación da Coruña inaugurou hoxe en Miño e Carral os novos murais do Camiño Inglés dentro da segunda edición de ‘Arte no Camiño’, completando así as intervencións estreadas a semana pasada en Negreira, Cee e Corcubión. O proxecto, impulsado pola institución provincial en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, continúa a consolidarse como unha aposta estratéxica pola arte urbana e pola valorización cultural das rutas xacobeas.

Durante o acto, o deputado provincial Antonio Leira destacou que ‘Arte no Camiño’ “transforma as rutas xacobeas en espazos de creación, onde cada mural dialoga co territorio e enriquece a experiencia de quen percorre o Camiño”, e reafirmou o compromiso da Deputación co apoio a iniciativas que dean visibilidade ao talento artístico da provincia.
En Miño, Raquel Germade presentou unha obra que convida á introspección sobre o acto de camiñar, evocando o que queda diante e detrás da paisaxe e a relación entre o peregrino e o territorio que atravesa. Trátase dunha imaxe contemplativa que busca facer máis consciente ao transeúnte do traxecto que está a percorrer.
Pola súa banda, en Carral, Isa Bermúdez inspirouse nas antigas lendas sobre fontes con propiedades curativas e na tradición que conta como moitos peregrinos medievais recuperaban a saúde ao chegar a Galicia. A artista representa unha peregrina envolta nunha aura máxica, acompañada de paxaros e avanzando na noite na procura desa fonte simbólica de vida e sanación que, segundo a memoria popular, existía nas terras carralesas.

Estes dous novos murais complétanse cos inaugurados a semana pasada nas vilas de Negreira, Cee e Corcubión, configurando un percorrido artístico que une creación contemporánea, identidade local e experiencia xacobea. Con esta nova edición, ‘Arte no Camiño’ reafírmase como un dos proxectos culturais máis singulares vinculados ás rutas xacobeas na provincia da Coruña.