Esta investigación, publicada na revista Estuarine, Coastal and ShelfScience, describe por primeira vez o ciclo reprodutivo do gavilán(Scoletoma laurentiana) nas costas atlánticas temperadas.
A explotación de poboacións salvaxes de poliquetos converteuse nun negocio en expansión a nivel internacional, tanto para o seu uso como cebo na pesca recreativa e profesional —a súa principal aplicación— como, nalgúns países, como alimento en plantas de acuicultura. Galicia non é allea a esta tendencia: a captura destes anélidos é unha actividade consolidada desde hai máis de dúas décadas e céntrase en catro especies diferentes.
Entre elas destaca o gavilán (Scoletoma laurentiana), que representa o 63 % das capturas totais e xera o 83 % dos ingresos asociados á actividade. Precisamente esta especie é o obxecto dun estudo liderado polas investigadoras do Grupo de Investigación en Bioloxía Costeira (Biocost), do CICA, Lucía Couceiro e Nuria Fernández, que acaba de ser publicado na revista científica Estuarine, Coastal and Shelf Science.
Ciclo reprodutivo en costas atlánticas temperadas
O traballo presenta, por primeira vez, unha descrición detallada do ciclo reprodutivo do gavilán nas costas atlánticas de clima temperado. As investigadoras constataron que a maduración dos ovocitos comeza no outono,mentres que a posta ten lugar fundamentalmente na primavera, sendo atemperatura da auga o principal factor que determina este patrón reprodutivo.
Os resultados suxiren ademais que a produtividade da especie pode verse alterada como consecuencia do cambio climático, dado o seu efecto sobre as condicións oceanográficas que regulan os procesos reprodutivos.
Un paso clave para a explotación sustentable
A información sobre os ciclos reprodutivos e outras características biolóxicas das especies explotadas resulta fundamental para implementar medidas técnicas de protección, tales como vedas, regulacións de tamaño ou límites de captura.
Neste sentido, o estudo desenvolvido desde a UDC supón un paso significativo na compilación de datos necesarios para garantir unha explotación sustentable dos poliquetos, un recurso de gran relevancia económica e ecolóxica.
O CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.