No BNG comezan a xurdir as voces críticas —esas que adoitan falar baixiño nos corredores— sobre que carallo facer coa Deputación de Lugo. O dilema é de manual: ¿seguir da man do PSOE e de José Tomé ou manter a dignidade intacta mentres marchan para a casa? Recordamos que Tomé ten previsto facer as maletas o día 30 por un presunto caso de acoso sexual, pero parece que o «timing» non acaba de convencer a todos.
Os nacionalistas están nese momento estelar onde teñen que elixir entre o que din nos mitins ou a calor do coche oficial. A pregunta é clara: ¿principios ou poltrona? Algunhas linguas inquietas dentro do Bloque din que pactar a Presidencia con este PSOE é tragar un sapo do tamaño da Muralla, pero claro… quedar na oposición fóra do goberno provincial supón despedirse dunha tallada do pastel que ten moitos ceros e cara de millóns de euros.
Pola súa banda, a presión do BNG para que Tomé deixase a acta e marchase para Monforte caeu en saco roto. O alcalde monfortino, que de parvo non ten un pelo, mantén o pulso con ganas de esgotar a lexislatura, mentres a UPG decide o futuro e Ana Pontón exerce ese papel tan galego de «espectadora de luxo». Veremos se ao final se impón a coherencia ou ese vello costume de que, onde hai cartos e poder, as penas son menos.