A balsa de San Cibrao: cando a lei se dobra para que o risco siga medrando

Avogada, docente e activista.

O po vermello que cobre casas, leiras e estradas na Mariña non é unha anomalía meteorolóxica nin un efecto colateral inevitable. É o síntoma visible dun fracaso xurídico e político: a decisión consciente de permitir que un depósito de residuos perigosos siga medrando sobre un val fluvial, xunto a núcleos habitados, a pesar de que o dereito ambiental europeo e español di xustamente o contrario.

A balsa de residuos de ALCOA en San Cibrao non é un problema técnico: é un problema de incumprimento da lei.

Residuos perigosos tratados como se non o fosen

Os barros vermellos están cualificados como residuos perigosos. Isto non é discutible. O artigo 13 da Directiva 2008/98/CE obriga a xestionalos sen poñer en perigo a saúde humana nin causar danos ao medio ambiente. O mesmo establecen os artigos 7 e 8 da Lei 7/2022.

Manter estes residuos a ceo aberto, nunha comarca con vento e chuvia frecuentes, con dispersión diaria sobre poboacións habitadas, é incompatible cos principios de prevención e cautela do artigo 191 do TFUE. Non é unha cuestión opinable: é dereito vixente.

Xerarquía de residuos e risco acumulativo sobre a poboación

Cada recrecemento da balsa consolida a eliminación como solución estrutural. Isto vulnera a xerarquía de residuos do artigo 4 da Directiva 2008/98/CE e dos artigos 8 e 9 da Lei 7/2022, que obrigan a priorizar prevención, redución e reutilización.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, na sentenza do 28 de marzo de 2019 (C-487/17), foi taxativo: non é conforme ao dereito da UE optar pola eliminación cando existen alternativas viables. Máis recentemente, o TSXUE, na sentenza do 15 de abril de 2021 (C-53/20), reiterou que os Estados non poden ampararse en solucións “transitorias” para perpetuar modelos estruturalmente lesivos.

Aquí, a transitoriedade converteuse en sistema. Cada ampliación aumenta o volume de material potencialmente liberable nun escenario de rotura. Cada metro de altura engadido incrementa a enerxía da onda de inundación. Estes efectos acumulativos, determinantes cando existen núcleos habitados augas abaixo, non son avaliados pola DIA.

Unha avaliación ambiental feita para non ver

A Declaración de Impacto Ambiental do 25 de xuño de 2024 autoriza o recrecemento ata a cota 104 metros dun depósito de Categoría A, situado nun val fluvial pechado, xunto a núcleos habitados. E faino recoñecendo expresamente que non avalía a seguridade, a estabilidade nin os escenarios de accidente grave.

Isto vulnera a doutrina consolidada do Tribunal Supremo: a avaliación ambiental debe ser real, completa e integrada (STS do 20 de marzo de 2007). Avaliar excluíndo o risco é unha contradición nos termos.

O TSXUE, na sentenza do 20 de xuño de 2024 (C-304/23), lembrou que as avaliacións ambientais que fragmentan impactos ou ignoran riscos graves non cumpren co dereito da Unión, aínda que formalmente se tramiten.

Poboación en risco: o dato que a DIA decide ignorar

O Plan de Emerxencias Exterior, aprobado en xullo de 2023 e revisado en marzo de 2025, recoñece escenarios de rotura con afección directa a Lago, Morás, Portocelo, Barreiro, Aldea de Abaixo, Aldea de Arriba e O Alto de Lago, ademais de vivendas dispersas e infraestruturas críticas como a N-642. Fala de evacuacións complexas e danos graves para persoas e bens.

A DIA coñece estes datos e decide non incorporalos. Avalía como se non vivise ninguén augas abaixo. Isto vulnera o artigo 15 da Constitución, segundo a doutrina do Tribunal Constitucional (STC 13/1998), que obriga aos poderes públicos a actuar de forma preventiva fronte a riscos ambientais graves.

O fallo máis relevante do Plan de Emerxencias Exterior do Depósito de Barros Vermellos é que asume como dato de partida a existencia dun risco grave sen cuestionar nin minimizar a súa causa, limitándose a organizar a resposta á catástrofe en lugar de esixir a súa prevención. O Plan recoñece tempos de chegada da onda incompatibles cunha evacuación realista, e identifica danos graves para persoas e bens, pero non establece ningunha consecuencia xurídica nin límite operativo ao crecemento da balsa, nin condiciona os recrecementos á redución efectiva do risco.

En termos xurídicos, isto supón unha perversión da finalidade da normativa Seveso: o Plan convértese nun instrumento para lexitimar a continuidade dunha situación perigosa, cando a súa función debería ser xustamente a contraria, isto é, activar medidas para evitar que ese risco exista.

Un río eliminado e unha administración en silencio

A balsa ocupa o val fluvial do antigo rego do Riatelo, desviado artificialmente. Na práctica, o río foi eliminado como sistema natural. O Texto Refundido da Lei de Augas (RDL 1/2001) protexe expresamente os vales fluviais e o dominio público hidráulico.

Porén, Augas de Galicia cala. Non cuestiona a ocupación do val nin o incremento do risco. O silencio administrativo convértese aquí en complicidade estrutural.

Seveso: emerxencias no papel, prevención inexistente

A balsa encaixa na Directiva 2012/18/UE (Seveso III) e no Real decreto 840/2015. Esta normativa non está pensada para xestionar evacuacións, senón para evitar que sexan necesarias.

O Tribunal Supremo, na STS do 27 de xaneiro de 2009, foi claro: os plans de emerxencia non substitúen a obriga de reducir o risco na súa orixe. O TSXUE, na sentenza do 9 de marzo de 2023 (C-356/21), insistiu en que a planificación posterior ao risco non lexitima a súa creación previa.

A lei non está para xestionar a catástrofe

O que ocorre en San Cibrao non é unha disfunción administrativa: é unha elección política avalada por decisións xurídicas que retorcen a norma ata baleirala de contido. Autorízase seguir acumulando residuos perigosos sobre un río eliminado, xunto a poboacións expostas, mentres se planifica como evacualas cando algo falle.

O dereito ambiental europeo non foi creado para iso. Foi creado para impedir que isto ocorra. E cada recrecemento da balsa é unha proba máis de que, aquí, a lei non se está a aplicar: estase a esquivar.

Comparte éste artículo
1 comentario