Sanmartín e Rego coinciden: “Co BNG Santiago gaña”

Néstor Rego e Goretti Sanmartín explican o traballo do BNG nas Cortes do Estado e avanzan actuacións prioritarias pendentes para o Concello de Santiago de Compostela.

A alcaldesa de Santiago de Compostela, GorettiSanmartín, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comparecen en rolda de prensa para facer balance do traballo desenvolto polo Bloque Nacionalista Galego nas Cortes do Estado, poñendo en valor os avances acadados para Santiago e para a Galiza e avanzando as actuacións que continúan pendentes e polas que o BNG continúa a traballar.

“Grazas ás negociacións no Congreso e co goberno do Estado, podemos demostrar que realmente alí onde está o BNG, Galiza e tamén Santiago avanzan” afirma GorettiSanmartín. Así, entre os logros xa materializados, a rexedora compostelá destaca a creación dun xulgado específico en Santiago de Compostela de loita contra a violencia machista, o incremento das achegas do Estado ao Consorcio de Santiago e do estado moi avanzado da construción da nova EDAR, “despois de anos de espera, un proceso en que o Estado subiu a achega de fondos dun 65% a un 80%, o que supuxo un aforro relevante para as arcas municipais” sinala.

No ámbito da mobilidade e das infraestruturas, Néstor Rego destaca o aumento das bonificacións para as persoas usuarias da AP-9, que chegan até o 75% de desconto. “Esta é unha vella reivindicación do BNG e hoxe é unha realidade grazas á nosa capacidade de negociación” afirma o deputado, que mantén o compromiso do BNG para conseguir unha “AP-9 galega e libre de peaxes”.

Rego subliña tamén os avances na vertebración ferroviaria do País, con proxectos estratéxicos como o estudo da liña que conectará Lugo con Santiago de Compostela. Ademais, lembra que o BNG consegue incorporar ao acordo de investidura e axilizar a implantación dos servizos de cercanías ferroviarias na Galiza. “Falamos de poñer fin a unha discriminación histórica, porque a Galiza carece destes servizos malia ter poboación e demanda suficientes” explica.

Outro dos fitos destacados é a aprobación da Orde Ministerial que denomina a Estación Intermodal de Santiago como “Daniel Castelao”. Aínda está pendente definir como se dispoñen os espazos comúns para a difusión do seu legado artístico, cultural e político, mais Rego lembra que “existe un compromiso expreso do ministro de Transportes, adquirido en sede parlamentaria, para desenvolver este proxecto en colaboración co Concello de Santiago”.

En materia de vivenda, Sanmartín destaca a execución do proxecto do Peleteiro a través da empresa estatal de vivenda, unha vez que o Goberno do Estado incorpore a antiga parcela ao primeiro paquete da empresa pública. “Acadamos ese compromiso para que houbese vivenda protexida no centro da cidade, que se vai sumar aos equipamentos sociais e culturais e a unha praza pública que se converterá nun espazo de socialización e de dinamización comercial nunha peza urbanística de grande atractivo ” afirma.

No eido social, o BNG pon en valor o aumento dos permisos de paternidade e maternidade, o mantemento dos bonos de transporte e o incremento das pensións, especialmente das mínimas. No ámbito económico, Rego salienta a aprobación polo Consello de Ministros do Proxecto de Lei para a quita da débeda negociada polo BNG co Partido Socialista. “É unha decisión que beneficia a Galiza e que demostra que negociar con firmeza dá resultados” asegura.

Xunto a este balance, o BNG reclama a apertura dunha nova etapa para Compostela, que permita concretar a potencialidade de desenvolvemento que supón a súa localización. 

“Hai cuestións fundamentais que reclamos que o Estado aborde, como a Estación de Mercadorías da Sionlla e a necesaria continuidade do Obrital, desde a estrada da Coruña cara ao oeste, sobre tendo en conta a aposta por converter Santiago nun nodo loxístico de transporte de mercadorías tras a construción da Plataforma loxística” asegura GorettiSanmartín. 

Pola súa parte, Néstor Rego insiste en que Compostela pode e debe mellorar as posibilidades de comunicación, especialmente no ámbito ferroviario, tanto para pasaxeiros como para mercadorías. “Traballaremos pola Estación de Mercadorías, por novas conexións como a de Lugo e polo tren de proximidade, afirma. Mais tamén por recursos para proxectos como a Factoría cultural, a recuperación de usos para a vella terminal de Lavacolla, a creación dun centro da UNED ou a humanización da rotonda de Conxo” di.

“Demandamos que estes proxectos sexan unha realidade canto antes, porque son chave para desenvolver as inmensas potencialidades que ten a capital do noso País” afirma Rego. 

A alcaldesa reafirma o compromiso do BNG en todas as institucións co presente e o futuro de Compostela. “Fica claro que cando o BNG está, Santiago avanza. Seguimos a traballar mirando cara ao futuro para que investimentos relevantes para este Concello se poñan na axenda política e económica para que Santiago siga avanzando”, conclúe Goretti Sanmartín.

Comparte éste artículo
No hay comentarios