O evento, de entrada libre, terá lugar no salón de actos do CHUAC o vindeiro xoves, 29 de xaneiro dende as 09.30 horas.
A neurotecnoloxía como ferramenta clave para o diagnóstico, tratamento e rehabilitación de enfermidades neurolóxicas será o eixo central da xornada “Neurotecnoloxía para a medicina”, que terá lugar o vindeiro 29 de xaneiro de 2026, a partir das 9:30 horas, no salón de actos do CHUAC, na Coruña. Unencontro organizado polo grupo de Neurociencia e Control Motor (NEUROcom) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede Cigus ao que pertencen os centros de investigación de excelencia acreditados pola Xunta de Galicia.
A Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC, a Facultade de Ciencias da Saúde, a Área Sanitaria da Coruña e Cee do Servizo Galego de Saúde e a Fundación Galega de Investigación Biomédica INIBIC colaboran nesta cita que reunirá a profesionais de referencia no ámbito da neurociencia, a enxeñaría biomédica e a medicina clínica para abordar os avances máis recentes en neuromodulación, estimulación cerebral non invasiva, ultrasonidosfocalizados, robótica pediátrica e intelixencia artificial aplicada ás neurociencias.
O acto de apertura contará coa participación do Dr. Casto Rivadulla, coordinador do grupo NEUROcom, xunto co vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo e o xerente do CHUAC, LuisVerdes Remeseiro.
Ao longo da xornada intervirán especialistas de prestixio nacional e internacional, como o Dr. Javier Cudeiro, catedrático de Neurofisioloxía e director do Centro de Estimulación Cerebral de Galicia, o Dr. José Obeso, referente en neuroloxía e director do CINAC de HM Hospitales, ou a Dra. Elena García Armada, fundadora e CEO de Marsi Bionics, spin-off pioneira en robótica pediátrica.
O programa complétase con relatorios sobre tecnoloxía portátil na rehabilitación infantil, estimulación cerebral a domicilio e o papel da intelixencia artificial como apoio á investigación neurocientífica, con participación de persoal investigador do CICA e da UDC. Todo co obxectivo achegar unha visión interdisciplinar sobre como estas tecnoloxías están a transformar a práctica médica e a mellorar a calidade de vida das persoas pacientes.
A asistencia é libre e gratuíta, aínda que para a obtención de certificado é necesaria a inscrición previa a través desta ligazón.