Riazor Experience: fútbol, discoteca e fume importado

Hai unha brecha. Non, perdón: un socavón. Un cráter deses que aparecen nos documentais cando explican como desapareceu unha civilización. A fenda entre a identidade do Real Club Deportivo de La Coruña e a súa hinchada xa non se pode saltar nin con pértega, nin con fe, nin con discursos motivacionais de manual barato.

O Dépor xa non semella un club de fútbol. Semella unha presentación de márketing que se alongou demasiado e que ninguén se atreveu a pechar.

Porque cando un club necesita speakers para dicirlle á súa xente cando ten que animar, algo rompeu para sempre. O día no que hai que explicar a paixón cun micrófono é o día exacto no que esa paixón xa non está. Ou peor: está, pero trátase como se fose parva.

Riazor non é un after.
Non é unha sala de eventos.
Non é un venue polivalente.

E, con todo, aí está: Estadio de Riazor convertido nunha discoteca emocional, con música fóra de tempo, luces innecesarias e esa sensación permanente de que alguén confundiu A Coruña con calquera sitio menos A Coruña.

Todo moi moderno.
Todo moi cool.
Todo completamente alleo.

O problema non é innovar. O problema é non ter nin idea do que se está innovando. Porque aquí non se constrúe nada novo: aquí maquíllase o baleiro. Tápase a falta de rumbo con ruído. Disimúlase a desconexión con espectáculo. Cámbiase identidade por animación.

E cando xa parecía que non se podía ir máis alá… chega o fume. O gran fume. O fume internacional. O fume con acento yankee.

A NFL.

Marabilloso. Importemos o envoltorio dunha liga que non ten absolutamente nada que ver coa nosa historia, coa nosa cultura nin co noso fútbol. Poñámoslle purpurina global a un club que aínda non decidiu se quere mirarse ao espello ou seguir disfrazándose para Instagram.

Márketing en estado puro: moito concepto, cero contexto.

Porque o Dépor non necesita parecer outra cousa.
Necesita volver ser el.

Pero iso esixe algo profundamente incómodo: entender a cidade, respectar a bancada e aceptar que un club non é un xoguete nin un laboratorio de ideas brillantes para LinkedIn. É un vínculo emocional. E iso non se xestiona con briefings.

Cando o club vai por un lado e a hinchada por outro, non é mala sorte. É incompetencia.
Cando a xente se sente tratada como público e non como parte, non é modernidade. É desprezo con envoltorio fino.
E cando todo soa, brilla e se move… pero non emociona, o que hai é nada.

Nada envolto en música alta.
Nada con acento estranxeiro.
Nada desesperante.

E o peor non é o ridículo.
O peor é que aínda haxa quen pense que isto é avanzar.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios