Despois de anos practicando o «deixade facer» e convertendo a improvisación nunha arte, o Concello de Lugo acaba de descubrir a existencia da xestión municipal. Iso si, non por vontade propia, senón pola presión insistente de Comisións Obreiras (CCOO), que tivo que facer de espertador ante unha administración instalada nunha desidia de campionato.
Dende a Unión Comarcal de CCOO de Lugo recibimos con tanta sorpresa como escepticismo os anuncios de última hora dun goberno que parece ter descuberto hoxe que os servizos públicos non se xestionan sós. Tras un mandato marcado pola parálise, agora pretenden vender como «avances» o que non son máis que remendos forzados polas denuncias sindicais.
Resulta case cómico que o Concello presuma de cubrir unha vacante na Escola Infantil Municipal mentres as mestras e o alumnado teñen que esquivar as pingueiras. Para CCOO, que chova dentro dos edificios públicos non é unha estratexia de «climatización natural», senón unha mostra intolerable de incompetencia que xa foi denunciada ante a Inspección de Traballo. O mesmo ocorre nos centros sociais: infraestruturas ao límite que o Concello só lembra cando a presión sindical lles estraga o titular.
A pouco máis dun ano de rematar o mandato, o goberno municipal parece ter présa por facer o que non quixo facer en anos. Pero que ninguén se engane: estas medidas non son froito dunha aposta pola calidade, senón un exercicio de «ilusionismo político». O Concello tenta tapar coa man o sol dunha xestión caótica, opaca e sen planificación.
Dende CCOO advertimos: os anos perdidos non se recuperan cunha nota de prensa nin cun lavado de cara de última hora. Non se borra o abandono do persoal e da cidadanía con promesas baleiras.
Como as promesas do Concello adoitan ter a mesma solidez que os tellados das súas escolas, CCOO manterá a mobilización. Acudiremos ao vindeiro Pleno para recordarlles que a xestión se demostra con feitos, non con parches. Os avances que hoxe tentan vender teñen un selo claro: a loita sindical de CCOO. Se o Concello quere seguir mirando para outro lado, terán que facelo cun paraugas na man, porque na rúa imos seguir nós.