Rubén Arroxo: “O Concello está listo para prestar o comedor no Fingoi II en canto a Xunta remate as obras”

Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, anunciou que «a Concellería de Educación está lista xa para prestar o servizo de comedores escolares na Escola Fingoi II». Arroxo fixo o anuncio despois de aprobarse na Xunta de Goberno celebrada hoxe a modificación do contrato, que permite ampliar o servizo ao novo centro. O Tenente Alcalde destacou a «seriedade» coa que se levou adiante o proceso de apertura do comedor por parte do Concello, establecendo primeiro un prazo de preinscripción para as familias, que estivo aberto entre o 8 e o 12 de xaneiro, e que rematou cunha estimación de 24 usuarias fixas ao mes e sobre 14 persoas esporádicas.

O Concello prestará o servizo «no momento no que rematen os últimos traballos no espazo provisional habilitado pola Xunta», con previsión de que o vindeiro luns, 2 de febreiro, as familias poidan contar xa co servizo de comedores escolares neste centro. A ampliación do servizo supón un gasto de 27.038,88€ para o Concello, gasto que, segundo lembrou Rubén Arroxo, «debería corresponder á Xunta de Galiza, ao ter esta administración a competencia en exclusiva».

Entroido
Na Xunta de Goberno de hoxe aprobáronse tamén as bases dos concursos de disfraces para o Entroido 2026. O concurso infantil de disfraces terá lugar na tarde do sábado 14 de febreiro, a partir das 17 horas, mentres que as persoas adultas terán o seu desfile na tarde do martes 17. Ambas probas estarán divididas nas categorías individual, parellas e comparsas, e cada unha das categorías contará con 3 premios. As inscripcións poderán realizarse a través do correo electrónico cultura@lugo.gal desde o día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia ata as 13:00 do venres 13 de febreiro (categoría infantil) ou do luns 16 de feberiro (adultos).

A Tenencia de Alcaldía entregará máis de 16.000€ en premios: na categoría infantil serán, na categoría individual, de 100, 80 e 50€; 150, 120 e 90 para as parellas e 240, 180 e 140 nas comparsas. No concurso para adultos, os premios para a categoría individual ascenden a 500, 300 e 200€, con ata 3 accésits de 50€; nas parellas, 600, 400 e 300€, con ata 5 accésits de 100€ e nas comparsas, 1.100, 800 e 600€, con ata 7 accésits de 200€.

En ambos concursos a área de Cultura contará cun xurado profesional que valorará tanto a composición estética e a orixinalidade dos disfrace como a escenografía e a representación.

Mercados

No relativo aos mercados, aprobouse a Actualización dos rexistros do Mercado de Antigüidades e Mercado Tradicional para o ano 2026. O Mercado de Antigüidades contará con 11 postos, e seguirá a celebrarse o 2º e 3º domingo de cada mes no fondo da praza Maior (en caso de choiva, nos soportais). O Mercado Tradicional conta con 76 vendedores e vendedoras de produtos tradicionais para este ano, e segue a celebrarse cada martes e venres no soto da Praza de Abastos. Por último, aprobouse o Cambio de titularidade da concesión administrativa do posto 8 da Praza de Abastos municipal, un cambio debido ao traspaso de actividade da peixería ubicada neste posto. A nova titular ten un prazo de dous meses para iniciar a actividade, e deberá facerse cargo dos dereitos de traspaso e do depósito, que ascenden a 2.319,02€.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios