O BNG denuncia o peche do consultorio de Doiras como unha decisión política do PP que abandona á montaña lucense

 O Bloque Nacionalista Galego de Cervantes denuncia o peche do consultorio médico de Doiras por parte da Consellería de Sanidade e do Sergas, unha decisión política adoptada “con nocturnidade e aleivosía” por parte do Partido Popular, sen información previa á veciñanza.


Para o BNG, esta actuación supón un novo ataque á sanidade pública no noso concello e unha mostra máis do abandono que sofre o rural por parte da Xunta. O consultorio de Doiras xa viña padecendo recortes e falta de cobertura estable, e agora procédese directamente ao seu peche, deixando ás veciñas e veciños sen atención sanitaria de proximidade.


A formación nacionalista subliña que este peche non é un feito illado. A esta decisión súmase o recorte de servizos que está a sufrir o Centro de Saúde de San Román, que permanece baixo mínimos tras quedar unha das prazas médicas sen cubrir e converterse noutra de carácter rotatorio. “Estamos ante un desmantelamento progresivo da atención primaria en Cervantes, estamos ante o modelo de servizos que o Pp quere para o rural”, denuncian.


Desde o BNG lembran que Cervantes é un concello cunha poboación envellecida e moi dispersa, onde os tempos de desprazamento son determinantes.“Primeiro recortan, despois precarizan e finalmente pechan. É un proceso calculado de desmantelamento da atención primaria na montaña” Pechar Doiras e recortar en San Román significa obrigar ás persoas maiores a facer quilómetros para exercer un dereito básico. Iso non é reorganizar: é abandonar o rural.


O Bloque critica especialmente as formas: “Non houbo aviso previo, nin explicación pública, nin alternativa planificada. A veciñanza enterouse polos feitos consumados. É unha falta absoluta de respecto”.


Ante esta situación, o BNG anuncia que volve convocar unha concentración o vindeiro xoves ás 12:00 horas diante do Centro de Saúde de San Román, para esixir a reapertura do consultorio de Doiras, a cobertura estable das prazas médicas e o mantemento íntegro dos servizos sanitarios no concello.

“O que está en xogo é o futuro do noso territorio. Sen servizos públicos non hai fixación de poboación nin vida digna no rural. A montaña non pode ser sempre a última prioridade do Partido Popular”, manifesta a formación nacionalista


“O que está en xogo non é unha cuestión administrativa, é o dereito á saúde das nosas veciñas e veciños. Non imos quedar caladas mentres desmantelan servizos públicos esenciais”, conclúen desde o BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios