Os Boinas acusan ao COB de usar «escusas falsas» para vetar a súa animación tras 26 anos de historia

Dende Os Boinas queremos desmentir de maneira clara varias afirmacións que non se corresponden coa realidade.

Non existen afeccionados de primeira e de segunda. Resulta totalmente incoherente xustificar a concentración da animación para “non molestar” cando, incluso esta tempada —nos partidos contra Coruña e Zamora—, houbo bombos noutras zonas do pavillón sen ningún problema, falamos de bombos de outras aficións e a batucada contratada durante varias xornadas (que non só fixo a sua actuación na grada de animación sino tamén por todo o Pazo) . A convivencia entre afeccións distintas foi sempre posible e utilizala agora como escusa evidencia unha claracontradición.

Ademais, cómpre aclarar que a normativa estatal non impide o uso de instrumentos de animación en diferentes zonas do pavillón nin limita a animación a un espazo concreto. A propia Lei do Deporte de España non establece ningunha obriga neste sentido, polo que esta decisión responde exclusivamente a un criterio interno do club, non a unha imposición legal.

Tampouco é certo que a maioría da peña aceptase a reubicación. Foi xusto ao revés: un grupo reducido marchou á nova zona, outros abandonaron a peña, e aproximadamente a metade seguimos formando parte dela como sempre. Falar de integración é falsear a realidade: o que houbo foi unha desarticulación forzada.

A proposta de separar á peña enviando a persoas maiores ou con discapacidade a outras zonas é claramente DISCRIMINATORIA POR MOTIVO DE IDADE OU DISCAPACIDADE. Hai membros que, a pesar destas dificultades, queren seguir animando activamente, e o modelo imposto impídello. Obrigar a escoller entre formar parte da peña ou ter unhas condicións dignas é inaceptable.

Ademais, rexeitamos que se nos acuse de ocupar asentos doutros abonados. Iso é falso. Só existiu un caso puntual no partido contra Zamora, no que un integrante utilizou un asento co permiso do abonado —familiar seu—, como se vén facendo con normalidade desde sempre, e que mesmo así derivou nunha intervención policial. Utilizar este feito illado para xeneralizar é faltar á verdade.

Tamén queremos lembrar que a alternativa que propuxemos —situarnos na grada superior do fondo, con asentos con respaldo— foi rexeitada, mentres que agora esa mesma zona está sendo utilizada polo público. Outra mostra evidente de incoherencia.

O que está en xogo non é só un modelo de animación, senón o respecto a unha peña con máis de 26 anos de historia. Non imos aceptar decisións impostas nin medidas discriminatorias.

Seguiremos animando como sempre: con paixón, dignidade e sen calar.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios