Viveiro conmemora o Día da Atención Primaria con novas protestas pola falta de medios

O luns 13 de abril está convocada unha concentración diante do Centro de Saúde de Viveiro ÁS 11:30 horas.

Viveiro volverá sair á rúa na defensa da sanidade pública o luns 13 de abril, no día mundial da Atención Primaria para reivindicar este nivel asistencial que constitúe o eixo sobre o que pivota toda a asistencia sanitaria . A concentración celebrarase de xeito simultáneo en diversos lugares en todo o país , convocadas por SOS Sanidade Pública, entidade que aglutina a todas as plataformas sanitarias galegas e da que a Plataforma Sanitaria da Mariña forma parte.

Na Mariña o lugar elexido para esta concentración é o Centro de Saúde de Viveiro, dado que sigue a ser o centro sanitario que máis problemas de atención acumula de xeito crónico. Este centro sanitario leva desde o 2020 cunha soa pediatra das dúas que deberían estar en plantilla  e  demasiado tempo cun número de médic@s de familia que no mellor dos casos escasamente chega ao 50 por cento da súa dotación. Estas escandalosas cifras fan que Viveiro e a súa área de influencia sexan un dos puntos negros da sanidade pública do país, con datos constatados de ata trinta e seis días de agarda para unha cita co/a médica de familia.

Estas agardas , que sobrepasan con moito o tempo máximo de espera para unha consulta ordinaria en atención primaria, cifradas en 48 horas, provocan non só o aumento de agravamentos de enfermidades pola falta de seguimento senón tamen outros efectos negativos sobre a sanidade pública coma o colapso do seguinte nivel asistencial e sobrecargas en todo o persoal da sanidade pública, chegando a producirse problemas de saúde tamén nas persoas que traballan nos centros de saúde.

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña animamos  a toda a veciñanza  da comarca  a que acudan a esta concentración en defensa da Atención Primaria para esixir ao goberno da Xunta e á Consellería de Sanidade  unha atención sanitaria de calidade , de proximidade , equitativa e digna. Conclúe a coordinadora do colectivo sanitario, Montse Porteiro, que ” non podemos seguir a tolerar este deserto constante de profesionais na Atención Primaria que impide desenvolver as accións preventivas e comunitarias propias deste nivel asistencial, alonga a espera das persoas para recibir atención e mesmo causa frustración e enferma ao persoal que tenta dar a mellor atención posible ás persoas sen medios humanos.”

Comparte éste artículo
No hay comentarios