UCIN Galicia, a través do seu coordinador José Luis Calo, reclamou hoxe de xeito formal a Renfe a devolución inmediata e íntegra do importe dos billetes a todos os usuarios afectados pola cadea de incidencias rexistradas este luns no Eixo Atlántico. A suspensión de servizos e as alteracións afectaron a centos de viaxeiros nas estacións de Vigo, Santiago, A Coruña e localidades intermedias.
Dende a organización consideran «un desprezo ao usuario» a solución habitualmente ofrecida pola operadora. Como mostra do caos, UCIN Galicia sinala o caso do tren con saída de Santiago ás 8:30 horas e chegada prevista a Vigo ás 9:27. Tras ser cancelado e desviado a un servizo por estrada, os pasaxeiros sufriron un atraso superior aos 90 minutos.
«Non estamos ante un simple imprevisto técnico; estamos ante unha falta de respecto á vida das persoas», afirma José Luis Calo. «Detrás de cada billete hai un traballador que perde o día, un estudante que non chega a un exame ou un paciente que ve cancelada unha cita médica agardada durante meses».
UCIN Galicia incide en que a substitución de trens por autobuses non compensa de ningún xeito o prexuízo causado. Segundo Calo, esta situación evidencia unha «falta crónica de planificación e recursos humanos» que acaba recaendo sobre as costas —e os petos— da cidadanía.
«Os usuarios non poden ser os que paguen a mala xestión de Renfe co seu tempo e o seu diñeiro. Esiximos un servizo público fiable, non unha lotería diaria», engade o coordinador. José Luis Calo
Calo conclúe esixindo unha revisión urxente dos protocolos de actuación. UCIN Galicia insta ás administracións competentes a que abandonen a pasividade e supervisen de xeito rigoroso o funcionamento do Eixo Atlántico, unha infraestrutura vital para Galicia que hoxe volveu dar unha imaxe de precariedade absoluta.