O Bloque Nacionalista Galego convoca á veciñanza de Doiras e do conxunto do concello de Cervantes a participar mañá mércores, ás 12:00 horas, nunha concentración diante do consultorio médico de Doiras para denunciar “as mentiras reiteradas do Partido Popular” en relación coa reapertura deste servizo e coa cobertura da praza médica no centro de saúde de San Román.
A formación nacionalista acusa ao PP de “enganar deliberadamente á veciñanza”, ao anunciar en varias ocasións a reapertura do consultorio de Doiras, sen que esta se chegase a producir. Así mesmo, denuncian que a situación no centro de saúde de San Román continúa marcada pola precariedade e a falta de cobertura estable da praza médica.
A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, sinalou que “o PP leva tempo xogando coa sanidade da veciñanza da montaña, facendo anuncios que logo non cumpre e deixando sen servizos básicos a unha poboación que xa sofre as dificultades derivadas da dispersión e da orografía”.
Pola súa banda, a deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, denunciou que “estamos ante unha estratexia clara de desmantelamento da atención primaria no rural”. Rodil lembrou que “o PP comprometeuse a reabrir o consultorio de Doiras e non só non o fixo, senón que tampouco garante a cobertura da praza de enfermaría nin a atención médica en condicións dignas en San Román”.
“Esiximos á Xunta de Galiza que reabra de inmediato o consultorio de Doiras e que cubra de maneira estable todas as prazas sanitarias no concello de Cervantes. Non imos permitir que se siga xogando cun dereito fundamental como é o acceso á sanidade pública”, afirmou a deputada nacionalista.
Desde o BNG fan un chamamento á participación da veciñanza nesta concentración para “defender un servizo esencial para fixar poboación e garantir unha vida digna no rural”. A formación insiste en que a mobilización social será clave para frear “o abandono sistemático que o PP está a exercer sobre a sanidade pública na montaña lucense”.