Seguro que Isabel Díaz Ayuso, nesa viaxe ao país que ela non hai moito chamaba «narcoestado», agardaba atopar o que habitualmente atopa en España: prensa que debulla o seu favorecedor estilismo para obviar as barbaridades que di e aduladores trasnoitados (Claudia Sheinbaum dixit) despostos a tragar co que sexa con tal de non contrariar á presidenta da Comunidade de Madrid.
Quedou bastante claro que tanto ela coma o seu equipo, subestimaron á sociedade mexicana, que non deixou de facerlle notar que non era precisamente ben recibida e, finalmente, foi despoxada do convite para uns premios cinéfilos que eran en parte patrocinados polo goberno madrileño. Polo que non custa imaxinar a magnitude do despropósito para que acabase emprendendo rumbo a casa antes de tempo, despois do rapapó da propia presidenta mexicana deixándoa coma unha persoa digamos, benévolamente, sen moitos coñecementos históricos na súa defensa a ultranza de Hernán Cortés. Alí estaba Nacho Cano de mozo de compaña, tomando ideas de como explotar nativos sen que a lexislación vixente meta o nariz, que en España son moi pesados con eses temas e despois hai que ir a «El Hormiguero» a aclarar as cousas e acordarse de todos os mortos de Pedro Sánchez. Quen se perdía o espectáculo era Miguel Ángel Rodríguez, o home que susurra no ouvido de Ayuso cada vez que ten que abrir a boca, por andar ocupado contando trolas nos xulgados deses que controlan «pola porta de atrás». Non fixo falla a súa presenza, porque desde a patria xa arengou contra a presidenta Sheinbaum, a quen acusa de boicotear a visita da súa pupila ás terras antaño conquistadas polo poderío español. Ousexa, o de sempre. Mentres tanto, tamén hai españois sentíndose máis irmáns que nunca dun México lindo e querido que, desta volta, non se deixou avasaiar nin intimidar por quen non ve almas, só posesións.