O BNG de Muxía denuncia a falta de resposta do goberno municipal no lugar de Cibrán

Os nacionalistas indican que a veciñanza, logo de pedir en varias ocasións que lles arranxasen unha vía, viuse obrigada a actuar pola súa conta para que un veciño puidera acceder co seu vehículo á súa casa.

O BNG de Muxía vén de denunciar a falta de resposta do goberno municipal en Cibrán, logo de constatar o malestar da veciñanza ante o abandono no que se atopa o lugar.

Os nacionalistas sinalaron que na mesma semana das eleccións locais, en maio de 2023, o goberno saínte prometera o arranxo dunha vía da aldea que levaba todo o mandatoanterior sen mantemento algún. “Daquela chegara ao lugar un tractor que ía poñer grava, segundo se lles indicou aos veciños e veciñas, mais ao ver o estado da vía marchou e todo quedou como estaba ata hoxe”, subliñou a portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos.

A voceira da formación nacionalista indicou que a veciñanza, despois de pedir sen éxito  en varias ocasións ao equipo de goberno que lles arranxasen este camiño do lugar, viuse obrigada a actuar pola súa conta para que un veciño puidera acceder co seu vehículo á súa casa. “Empregaron material de refugallo (unhas tellas vellas) para compactar o firme do camiño para que fora, alomenos, transitable ata esta vivenda;iso foi en 2023, e así segue sen ningunha actuación”, afirmou Barrientos. 

O mal estado deste camiño do núcleo urbano non é o único problema desta aldea: a estrada de acceso ao alto de Suxoatópase completamente intransitable. “Tanto que o propio Google Maps indicaba xa en 2023 que para facer os 4,5 quilómetros de percorrido ata o alto de Suxo se invertían máis de 10 minutos, é dicir, había que circular a uns 25 km/h de media”, manifestou Mercé Barrientos, que salientou que “cando se arranxara parte da vía, hai máis dunha década, deixouse un tramo da pista de aproximadamente unquilómetro sen asfaltar, e as escorrentías provocaron que actualmente estea totalmente impracticable en coche”.

Por outra banda, O BNG tamén advertiu que van máis de seis anos desde que o goberno municipal prometera á veciñanza arranxar a pontella sobre o río Castro, desfeita por unhas enchentas. Mais tampouco se fixo nada neses nese tempo, polo que a veciñanza púxose en contacto coa portavoz do BNG para trasladarlle novamente esta demanda.

“Desde o BNG urxiremos ao goberno local a que inclúan estas reparacións nas actuacións previstas para 2026”, concluíu Mercé Barrientos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios