Percorrido entre minas, miradoiros e viñedos cunha nova andaina interpretativa no Rosal

Saída o 31 de maio pola Senda do Niño do Corvo nun roteiro para poñer en valor o patrimonio natural, paisaxístico e histórico.

O Rosal volverá abrir camiño entre montes, viñedos e antigas galerías mineiras cunha nova cita coas súas andainas interpretativas, unha proposta que invita á veciñanza e ás persoas visitantes a descubrir a riqueza cultural, histórica e natural do municipio dun xeito próximo, ameno e participativo.

A cita será o vindeiro 31 de maio coa ruta pola Senda do Niño do Corvo, un percorrido circular de arredor de oito quilómetros e dificultade moderada que partirá ás 10.00 horas desde Couselo. Durante aproximadamente tres horas e media, as persoas participantes atravesarán paisaxes de gran valor ambiental e patrimonial nun roteiro que combina natureza, historia e algunhas das mellores vistas do Baixo Miño.

O itinerario levará ás persoas asistentes entre viñedos e zonas forestais ata as antigas galerías mineiras das Bornas, un enclave cargado de historia e lendas. O percorrido continuará ata o miradoiro do Niño do Corvo, situado a 311 metros de altitude, desde onde poderá contemplarse unha espectacular panorámica sobre a desembocadura do Miño e o val do Rosal. A andaina rematará descendendo cara ao río Carballas, descubrindo as súas pozas, pías, pesqueiras e diferentes elementos etnográficos ligados á vida tradicional da contorna.

Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “este tipo de iniciativas son esenciais para seguir promovendo o patrimonio local desde unha perspectiva sostible e próxima á xente. Temos unha contorna privilexiada e estas andainas son unha oportunidade magnífica para redescubrir o noso territorio, coñecer a súa historia e desfrutar da natureza dun xeito respectuoso”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou que “con cada andaina buscamos ofrecer unha nova perspectiva do Rosal, creando experiencias que permitan descubrir e desfrutar da riqueza que temos ao noso redor. A nosa historia, a nosa paisaxe e a nosa cultura conforman un patrimonio que debemos coidar e compartir”.

A actividade contará con prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado na web municipal ou no Rexistro do Concello. Unha vez pechada a inscrición, as persoas participantes recibirán por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida e auga, así como a declaración responsable necesaria para participar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios