O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas achegáronse ata o Ceao onde esixiron ao goberno que leve á vindeira Xunta de Goberno a aprobación definitiva da contratación da obra que renovará a rotonda de Benigno Rivera con Infanta Elena e os treitos da avenida que comunican coa N-VI e a A6, «unha obra da que fixemos todo o proceso administrativo, e que só queda pendente a adxudicación en Xunta de Goberno», explicou Rubén Arroxo.
O portavoz do BNG destacou que nos últimos 7 anos «desde o BNG fixemos un importante esforzo para manter en boas condicións as zonas industriais de Lugo», e afirmou que esta actuación era «un paso máis» na mellora dos espazos do Ceao. O BNG desde a área de Mobilidade preparou un proxecto que permitirá a mellora da rotonda «nivelando o terreo para eliminar as acumulacións de auga que se producían na zona», ademáis de mellorar os treitos de acceso «para garantir a seguridade viaria en toda a contorna».
Co BNG dirixindo a área de Mobilidade e Infraestruturas elaborouse o prego e abriuse o procedemento de contratación, celebrándose a mesa de contratación o pasado 7 de maio. A proposta da Mesa, que deberá ser agora aprobada en Xunta de Goberno, foi adxudicar a obra a Canarga SL cun orzamento de 123.450€. «O Goberno ten que aprobar agora esta contratación en Xunta de Goberno para que a obra poida comezar canto antes e aproveitar así a época de calor», dixo Rubén Arroxo.
A renovación deseñada desde a área de Mobilidade baséase na renovación integral do firme desta rotonda. Para isto, os traballos comezarán co fresado da capa de rodadura actual e coa instalación posterior dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente que incluirá na súa base unha capa de rego de adherencia con emulsión bituminosa. Posteriormente, adaptaranse os rexistros e o repintado da sinalización horizontal. A renovación, ademáis, nivelará o terreo, eliminando os problemas de acumulación de auga durante a época de choivas que se podían ver nesta zona.
Rubén Arroxo afirmou ademáis que esta obra «reducirá ao máximo a afección ás persoas que traballan no Ceao», dado que a área de Mobilidade e Infraestruturas especificou no prego que os traballos se deben realizar en horario nocturno (entre as 22:00 e as 06:00), tendo en conta a alta intensidade de tráfico desta vía e buscando tamén minimizar o impacto da obra sobre a mobilidade e aumentar o rendemento da maquinaria, ao tempo que se mellora a seguridade na zona de traballo.