Os rapaces de Will Pereiro e Manuel Otero vencen 90-69 ao Basquet Coruña.
O Grelo Santo Domingo Betanzos, o equipo cadete de segundo ano do club betanceiro, vén de lograr o campionato da Coruña logo de vencer por un contundente 90-69 ao Basquet Coruña U15 na final. Culmina así unha temporada en que, agás na Fase de Ascenso de Inverno, onde perderon con Porriño, o equipo adestrado por Will Pereiro e Manuel Otero non deixou marchar ningún partido para rubricar un impresionante 28 de 29 final. O conxunto, que tivo que renunciar a participar nunha nova Fase de Ascenso, por xa ocupar praza en Primeira cadete o club grazas ao J. Caamaño Arquitecto, continúa en competición ao inscribirse na Copa Premium júnior e, ademais, lograr pasar a cuartos de final da competición ao gañar na tarde do domingo por 80-48 ao Montrove.
La Goleta, a un paso do ascenso a Segunda Autonómica
Outra das notas positivas da xornada foi a sofrida vitoria de La Goleta fronte a Calvo Artai na Fase de Ascenso a Segunda Autonómica. O equipo máis veterano do club logrou sumar a súa cuarta vitoria en catro partidos, nunha cita máis complicada do que pode dar a entender o marcador final (76-66) ,e pode rubricar o obxectivo na vindeira xornada no seu partido contra os vigueses de San José de Cluny. Peores noticias deixaron os sénior de Terceira de Manel Fernández, eliminados da Copa por Laracha por un 46-61, e os júnior de Texas Controls de Antonio Díaz “Doc”, que non continuarán en competición tras a súa estrea con derrota perante Los Rosales (82-83). Perderon tamén nos últimos instantes os infantís de Cyrdega de Diego Folla e Nerea Bello por 72-70 fronte a Maristas e compensaron a balanza as cadetes de Decornaveira de José Espiñeira e Inés Varela, que ataron a quinta praza da Liga da Coruña-Ferrol ao vencer ao Calasanz por 58-68.