No marco do proceso de información pública relativo ao informe sexenal sobre a especie Canis lupus, promovido polo MITERD, ADEGA acaba de presentar alegacións, particularmente ao documento remitido pola Xunta que consideraba que a especie se atopa nun estado de conservación favorábel.
ADEGA considera que as evidencias científicas recollidas no informe do MITERD indican que a especie está nun estado de conservación desfavorábel, tanto a nivel estatal como dentro do territorio galego. Pola contra, o documento alternativo presentado pola Xunta tenta cuestionar estas conclusións, ao argumentar que o estado da especie é favorábel. Tal conclusión baséase en argumentos e datos cuxa solidez é moi cuestionábel desde un punto de vista metodolóxico e científico.
A Xunta usou metodoloxías dispares na realización dos seus censos
Os datos da Xunta sobre a poboación actual de lobo en Galiza proveñen do censo 2021-2022, que se estima a presenza de 93 mandas reprodutoras, 21 partilladas con outras CCAA e Portugal.
Porén, rematados os traballos censuais, a Xunta realizou no ano 2022 un segundo período de mostraxes parciais dirixido a territorios concretos (fóra do proxecto do censo inicial), para o que estableceu un cambio de metodoloxía. Nos traballos de campo de 2021 contouse para a detección de evidencias de grupos cos axentes de medio ambiente, ao igual que nos censos anteriores. Mais en 2022, a Xunta prescindiu da súa colaboración, e realizou censos parciais só para determinadas áreas que no censo xeral acadaron resultado negativo, o que provocou nunha sobrerepresentación da mostra. O número de mandas detectadas nos traballos de 2021 foi moi inferior (+/- 76 mandas) á cifra que se recolle no informe final, no que se engadiron irregularmente os resultados dos censos parciais de 2022.
A suma deses censos parciales realizados a posteriori supón unha distorsión metodolóxica que condiciona o resultado presentado pola Xunta, ao introducir unha variábel de esforzo desigual no censo aplicado en periodos distintos, o que podería derivar nunha estimación inflada para axustarse a un resultado interesado. De só ter en conta os resultados de 2021, o escenario sobre a conservación do lobo en Galiza sería ben diferente ao que presentou finalmente a Xunta.
Contrariamente ao afirmado pola Xunta, a taxa de crecemento da poboación indica que o lobo está estancado ou en regresión
Mesmo dando por bos os datos censuais ofrecidos pola Xunta para o período 2021-2022 (93 grupos), en relación cos anteriores datos oficiais no periodo 2012-2015 (90 mandas), a taxa de crecemento sería dun 0,47% anual. En estudos de lobos e grandes carnívoros, acéptase que taxas de crecemento entre -5% e +1% indican un estancamento poboacional. E de considerar os datos só da campaña do censo de 2021 (+/- 76 mandas) teriamos unha taxa do –2,44%, que debruza unha situación de tendencia á regresión.
Que o número de lobos non medre en 7 anos, e considerando que nese período non se efectuou ningún “control” de lobos en Galiza, só o furtivismo (caza ilegal, velenos e lazos) podería explicar este estancamento. ADEGA estima que anualmente estarían morrendo por causas non naturais entre 200 e 300 lobos, máis ou menos tantos como poderían estar nacendo. Polo tanto, non se pode afirmar que a poboación de lobo en Galiza medre de xeito favorável e/ou estea en aumento, en contra do que afirma a Xunta no seu informe oficial.
A desastrosa xestión do lobo en Galiza por parte da Xunta, sinalada tamén polo TSXG
A xestión do lobo realizada pola actual Xunta non conseguiu reducir a percepción negativa do lobo, nin a frustración das explotacións afectadas polos danos causados pola especie. Ben ao contrario, Medio Ambiente mesmo promoveu campañas de desinformación en diferentes medios para crear alarmismo, aproveitando despois esas informacións para elaborar os seus propios informes técnicos. Así llo advertiu a Sala de lo Contencioso-Administrativo del TSXG, nunha sentenza que desestimou a solicitude de contracautela da Xunta contra a paralización cautelar das batidas de lobo nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Curtis e Ferrol:«[A Xunta] Achega referencias a avisos e denuncias doutras administracións ou dunha asociación de veciños, pero en lugar dunha análise técnica específica de campo por parte do persoal da propia Consellería que permita certificar e deixar constancia probada de cada ataque denunciado, das razóns técnicas para atribuír o ataque a unha especie específica e das razóns que avalen un determinado estado de conservación para a especie «Canis lupus» nese territorio, non hai máis corroboración destes avisos e denuncias de terceiros que unha mera referencia a artigos de noticias publicados na prensa. O informe da Directora Xeral de Patrimonio Natural non é máis que unha recompilación desas denuncias e un recordatorio da normativa aplicábel, pero non hai unha verificación real por parte dos propios medios técnicos da Consellería da situación específica á que se refire cada un dos ataques denunciados.»
Finalmente, desde ADEGA consideramos que un dos principais factores que condicionan tanto a protección efectiva do lobo en Galiza como a súa coexistencia coa gandería, ao igual que acontece noutras comunidades autónomas, é o uso político populista e demagóxico da especie a partir de infundadas crenzas, que se impón como único modelo de xestión. A Xunta amosa no seu informe contra a proposta de informe sexenal até onde está disposta a chegar para obstruír o proceso de acadar a protección real e efectiva do lobo e proporcionar solucións ás explotacións. Non lle importa o lobo, nin as explotacións gandeiras, só atende a unha estratexia partidista de confrontación política e de desgaste.