O grupo municipal nacionalista introduce no pleno propostas destinadas a mellorar as instalacións do CEIP, reforzar a inclusión nos campamentos e actividades de lecer, ampliar o servizo de socorrismo na Peneda e actuar na parroquia de Ligonde.
O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso, a través do seu portavoz, Brais Vázquez, valora moi positivamente a batería de iniciativas presentadas polo seu grupo municipal no pasado pleno, centradas en mellorar servizos públicos, reforzar a inclusión, actuar sobre as parroquias e poñer en valor espazos estratéxicos do concello. «Mantemos o compromiso de introducir propostas positivas e que redunden en mellor atención ás veciñas e veciños e en solucionarlles problemas do día a día, cunha oposición útil». Engade tamén que «estas solicitudes demostran que facemos unha oposición útil e colocamos enriba da mesa propostas concretas, pensadas desde o coñecemento da realidade do concello e das necesidades da súa veciñanza».
Entre os asuntos abordados figura a necesidade de actuar nas cubertas do ximnasio e do pavillón deportivo do CEIP Monterroso, proposta que supón a reclamación dunha solución para avanzar nunha mellora necesaria para o alumnado e para toda a comunidade educativa. “Despois da instalación da nova caldeira, consideramos prioritario continuar mellorando o centro educativo”, apunta Vázquez
No ámbito social, tamén se rexistrou a proposta relacionada cos campamentos municipais e coa atención á infancia con necesidades especiais, «É unha vella demanda na que insistimos, Monterroso precisa reforzar os seus servizos de lecer neste aspecto e invertir en atención á diversidade», explican.
Outra das propostas ten que ver coa área da Peneda. O BNG lembra que Monterroso recibirá arredor de 6.900 euros para o servizo de socorrismos, unha contía superior á do ano pasado, e considera que ese incremento debe servir para ampliar o período de apertura da instalación nalgunha semana de xuño e mesmo de setembro, adaptándose mellor ás necesidades da temporada.
Por último, o grupo nacionalista completou as súas propostas con melloras na parroquia de Ligonde, entre as actuacións formuladas están a mellora do firme, a adecuación do camiño tradicional coñecido como “A Currucha”, a mellora do mobiliario que protexe os contedores e mesmo a proposta de creación dun posto de peón rural para o mantemento das parroquias. «A parroquia de Ligonde, no seu conxunto, é unha das zonas máis habitadas do Concello e na que temos gran parte do patrimonio inmaterial do Concello de Monterroso, consideramos que require máis atención para conservar o seu valor e a súa vitalidade», destaca Brais Vázquez.
O grupo municipal nacionalista sinala ademais que agora cómpre que o goberno local pase aos feitos e execute estas propostas.