A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinaron hoxe na Alcaldía un protocolo de colaboración para impulsar a construción dun parque canino na cidade de Lugo, concretamente na zona de San Xillao.
A Xunta asumirá o financiamento e a execución das obras, mentres que o Concello porá os terreos a disposición e asumirá posteriormente o mantemento das instalacións.
No caso de Lugo, o investimento previsto ascende a 140.000 euros, financiados ao 100% pola Xunta de Galicia, e permitirá habilitar un parque canino nunha parcela de 3.746 metros cadrados situada en San Xillao.
Esta actuación enmárcase na iniciativa promovida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para crear unha rede de grandes parques caninos nas sete principais cidades galegas co obxectivo de avanzar no benestar animal e dotar ás cidades de espazos específicos para o ocio e exercicio das mascotas.
O proxecto contempla a creación dun recinto con valado de seguridade, portas dobres de acceso, fontes adaptadas para cans, papeleiras e dispensadores de bolsas hixiénicas, zonas de xogo con obstáculos e ramplas, espazos de sombra, bancos, iluminación e unha zona de lavado con baño.
A alcaldesa de Lugo agradeceu á conselleira de Medio Ambiente e á directora xeral o seu compromiso coa cidade e a colaboración mantida para facer realidade esta actuación. “Unha cidade tamén se define pola maneira na que coida os seus animais. Hoxe damos un paso máis para dotar Lugo dunha infraestrutura pensada para o benestar das mascotas e para facilitar a convivencia”, sinalou Elena Candia.
A rexedora destacou ademais que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local co benestar animal e lembrou que o Concello tamén está a traballar na mellora das instalacións actuais da protectora, para as que xa existe consignación orzamentaria.