O BNG de Lugo reafirma o seu apoio ao movemento asociativo na inauguración da feira de FADAS

Os concelleiros nacionalistas Maite Ferreiro e Alexandre Penas, entre outras autoridades, acompañaron neste venres aos integrantes da Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (FADAS) na inauguración dunha nova edición da Feira de Asociacións de Ámbito Social na Praza Maior.

A cita reuniu a numerosas entidades sociais da cidade e da comarca co obxectivo de dar a coñecer á cidadanía os proxectos, servizos e actividades que desenvolven ao longo do ano en ámbitos tan diversos como a inclusión social, a atención ás persoas con diversidade funcional, o apoio ás familias ou a promoción da igualdade de oportunidades.

Durante a visita aos diferentes expositores, Alexandre Penas puxo en valor “o compromiso e a dedicación das asociacións que integran FADAS, destacando o papel fundamental que desempeñan na construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e cohesionada”.

Desde o BNG sinalaron a importancia de apoiar e fortalecer o tecido asociativo, que constitúe unha ferramenta esencial para detectar necesidades, ofrecer acompañamento ás persoas e desenvolver iniciativas que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

O concelleiro nacionalista quixo tamén agradecer “o esforzo realizado por FADAS para organizar unha nova edición desta feira, consolidada xa como un punto de encontro entre as entidades sociais e a cidadanía”, e animou aos lucenses a coñecer de primeira man o traballo que realizan estes colectivos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios