A Plataforma de Veciños da Residencia reclama o arranxo urxente de diversas rúas do barrio da Cheda

 A Plataforma de Veciños da Residencia quere expresar a súa profunda preocupación polo estado de abandono que sofre o barrio da Cheda, unha situación que se pode ver en vías moi utilizadas do barrio como as estradas que dan acceso ao estadio de fútbol e ao rí. A esta problemática súmase o deficiente mantemento de diversas zonas do barrio. Beirarrúas deterioradas, maleza sen desbrozar, mobiliario urbano en mal estado e espazos verdes con escasa atención forman parte dunha realidade que afecta á calidade de vida dos residentes e á imaxe do entorno. A plataforma denuncia desperfectos en rúas como Pousadela, Río Azúmara ou a confluencia entre Río Eume e Río Pambre.

A Plataforma considera que esta situación é consecuencia dunha falta de planificación e seguimento por parte do Concello de Lugo, que debe garantir o correcto mantemento dos espazos públicos e atender as necesidades dos barrios de maneira equilibrada.

Por todo iso, os veciños e veciñas reclaman unha actuación inmediata para reforzar os labores de limpeza e conservación, e establecer un plan de mantemento regular que permita recuperar o aspecto e a funcionalidade dos espazos públicos da zona.

A Plataforma de Veciños da Residencia continuará trasladando ao goberno local as demandas dos residentes ata que se adopten solucións reais e efectivas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios