As xogadoras do Santo acaban Fase de Ascenso cunha vitoria fronte a Compañía.
Quedaba un último esforzo para dar o salto á Liga galega de Primeira División, poñendo así o ramo a unha excelente temporada, e as infantís de Warnier Informática Santo Domingo Betanzos souberon sobrepoñerse ao nerviosismo e á consistencia dun rival bastante máis físico, para dar unha boa alegría aos seus seareiros, levar o partido decisivo por 67-45 fronte a Compañía de María de Santiago e converterse así no primeiro equipo en categoría feminina do club que vai xogar en Primeira División, logro nada doado para un conxunto formado maioritariamente por rapazas de primeiro ano.
Así valoraba o encontro o adestrador, un exultante Javier Codesido: “Foi un partido dificilisimo contra un moi bo rival que contaba coas características que máis dano nos fan: unha xogadora moi alta e versátil (Blanca Lojo), de máis de 1.80 e bos fundamentos, e dúas exteriores moi rápidas que rachaban a nosa defensa a toda pista e sabían buscarnos as voltas cun continuo movemento sen balón, portas atrás… e metendo pelotas ao interior, onde non tiñamos argumentos para poder parar a Blanca pois as axudas chegaban tarde. O resultado, un 1Q de nervios e imprecisións, pero xa con problemas de faltas nas xogadoras máis afeitas a defender o xogo interior. A solución foi darlle minutos a Lucía, a nosa xogadora máis alta, a pesar de ser de primeiro ano, e así poder contrarrestar a sangría de rebote ofensivo de Compañía: as faltas nos pararon neste 2Q pero conseguimos chegar vivas ao descanso. No 3Q, o cambio defensivo que montamos permitiunos tapar os camiños da canastra, e as terceiras faltas de Blanca e Olivia condicionaron moito as visitantes. Aí, á metade do período, varias defensas de axuda das nosas permitiron contras rápidas e un mini break de 7 puntos que pesaría coma unha lousa para as compostelás. Cando consegues defender, consegues atacar. O atasque ofensivo do Santo, que tivo un día terrible cos tiros libres (25% de acerto) e unhas xogadoras con medo a ir cara a dentro polo poderío interior rival, solucionouse con xogo veloz de contragolpe. Aí, as de Santiago baixaron momentaneamente as prestacións. Para o inicio do 4Q só perderamos a Sofía por faltas, pero tiñamos as xogadoras máis importantes descansadas e sen problemas nesa faceta. Aí foi cando puidemos dar o golpe definitivo , a pesar de que Compañía seguía conseguindo canastras de boas accións de porta atrás, rachando a nosa defensa con xogo sen balón e continuas accións rápidas de 2+1. En definitiva, un gran rival, como foi Depordima na primeira xornada, se cadra a que definiu o ascenso”.
Alba Lodeiro coa selección galega 3×3 U13 e Breixo e Martiño na da Coruña Premini
Pero os éxitos de fin de temporada do Santo non quedan no ascenso das rapazas de Javier Codesido e Alía Ortega. Alba Lodeiro, xogadora dese equipo, formará parte da selección galega U13 no campionato de España de seleccións autonómicas que se ha disputar en Melilla do día 18 ao 22 deste mes de xuño. Pola súa parte, os benxamíns Breixo Seijo e Martiño Vales están convocados coa selección da Coruña na xuntanza premini que terá lugar en Mondego (Sada) o vindeiro sábado 20 e que ha enfrontar a combinados das sete delegacións da FGB mais un equipo autonómico. Na cita participan tamén como adestradores Alía Ortega e Nico Lagares.