O PP de Lugo levará ao Pleno unha proposición para esixir á Deputación a restitución das brigadas do parque móbil retiradas da cidade

O Grupo Municipal Popular defenderá no vindeiro Pleno ordinario do Concello de Lugo unha proposición para reclamar á Deputación Provincial o restablecemento inmediato dos servizos que viñan prestando no municipio dúas brigadas do parque móbil provincial e que foron retiradas o pasado 4 de maio.

Os populares consideran que a decisión de interromper os traballos de mantemento e conservación que estes equipos estaban a desenvolver en diferentes vías municipais supón un prexuízo para a cidade e para os lucenses, ademais de xerar unha fonda preocupación pola coincidencia desta medida co recente cambio de goberno producido no Concello de Lugo.

Segundo a información coñecida, unha das brigadas foi destinada ao Concello de Monforte de Lemos, mentres que a outra regresou ás instalacións do parque móbil para posteriormente prestar servizo noutro municipio. Para o PP, esta situación provoca unha evidente sensación de agravio comparativo e suscita dúbidas sobre os criterios empregados para adoptar esta decisión.

“Os recursos da Deputación pertencen a todos os veciños da provincia e non poden utilizarse en función de intereses partidistas nin da cor política dos gobernos municipais”, sinalan desde o Grupo Popular, que defende que a distribución dos medios provinciais debe responder exclusivamente a criterios técnicos, obxectivos e ás necesidades reais de cada concello.

A través desta iniciativa, o PP reclama que a Deputación Provincial de Lugo restableza os traballos que viñan desenvolvendo estas brigadas na capital lucense e garanta un trato institucional leal, igualitario e respectuoso co Concello de Lugo, independentemente da composición política do seu goberno.

Ademais, a proposición inclúe unha petición expresa ao deputado provincial Miguel Fernández para que defenda os intereses da cidade de Lugo por riba de calquera interese partidista e rexeite calquera práctica que poida interpretarse como unha represalia institucional contra a capital da provincia.

O Grupo Municipal Popular considera que Lugo, como capital provincial, merece a máxima colaboración por parte de todas as administracións e lembra que a función da Deputación é cooperar cos concellos e prestar asistencia técnica e material en condicións de igualdade e obxectividade.

A iniciativa tamén contempla dar traslado dos acordos que, no seu caso, aprobe o Pleno á Presidencia da Deputación Provincial de Lugo e aos distintos grupos políticos con representación na Corporación provincial.

Comparte éste artículo
No hay comentarios