O BNG defenderá no Senado que os terreos e inmóbeis estatais en Pontevedra se destinen á creación de vivenda pública

Carme da Silva Méndez leva a Comisión de Vivenda e Axenda Urbana unha iniciativa para que o Estado empregue a súa edificabilidade na cidade e amplíe oparque público de vivenda, sobre todo en réxime de aluguer social.

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, defenderá na Comisión de Vivenda e Axenda Urbana da cámara alta o próximo 24 de xuño unha moción para que o Goberno destine os terreos e inmóbeis de titularidade estatal existentes na cidade de Pontevedra a construír vivenda pública de alugueiro social. Ante a crise habitacional actual, a senadora reclamará medidas concretas e inmediatas poñendo todos os recursos dispoñíbeis ao servizo do interese xeral.

“A falta de vivenda accesíbel converteuse nun dos principais problemas sociais e non se pode ser que o Estado dispoña de solo e patrimonio inmobiliario mentres cada vez máis persoas teñen dificultades para acceder a unha vivenda digna. A gravidade da situación esixe a implicación clara do goberno do Estado” sinala a senadora nacionalista.

A moción do BNG reclama, en primeiro lugar, ao Goberno do Estado destinar á construción de vivenda pública de alugueiro social a edificabilidade residencial vinculada á SAREB da Finca do Teucro, situada entre a rúa Arcebispo Malvar e a avenida de Uruguay.

Así mesmo, a iniciativa insta o executivo estatal a destinar á construción de vivendas de alugueiro social a parcela de 1.266 metros cadrados situada na avenida de Uruguay. Trátase dun soar de licencia directa propiedade da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado.

A senadora do BNG tamén reclamará que a edificabilidade prevista nos terreos de Campolongo e Mollavao, xestionados polo INVIED, sexa destinada integramente á creación de vivenda pública de alugueiro social. Este desenvolvemento urbanístico constitúe unha oportunidade estratéxica para reforzar a oferta pública de vivenda na cidade.

A incorporación destes solos e parcelas de titularidade estatal para programas de vivenda pública alugueiro social permitirá incrementar en máis de 300 vivendas a oferta pública.

“ O que reclamamos do goberno do Estado é que contribúa cos terreos da súa titularidade a incrementar a oferta de vivenda pública e non os dedique a promoción

privada, como xa se ten demandado de forma reiterada polo BNG e a alcaldía de Pontevedra”

Ademais, a moción propón que o Goberno do Estado formalice un convenio coa Xunta de Galiza para promover e xestionar estas actuacións residenciais, de maneira que as vivendas resultantes dos terreos procedentes da SAREB e dos ministerios de Facenda e Defensa pasen a integrar un auténtico parque público de alugueiro social.

Finalmente, solicita a realización dun estudo detallado que permita identificar e catalogar as vivendas baleiras ou en desuso pertencentes ao Ministerio de Defensa na cidade de Pontevedra para incorporalas ao parque público de alugueiro social.

Para Carme da Silva, “é imprescindíbel mobilizar todos os recursos públicos dispoñíbeis para facer fronte á emerxencia habitacional. O Estado dispón de solo e inmóbeis en Pontevedra que poden contribuír de maneira decisiva a ampliar a oferta de vivenda pública e esa debe ser a prioridade”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios