O profesorado do ensino público galego está chamado a participar nunha Asemblea Xeral que terá lugar o vindeiro 25 de xuño, ás 18:00 horas, no IES Luis Seoane de Pontevedra. O obxectivo deste encontro é analizar o balance do presente curso escolar e definir a folla de ruta e as accións estratéxicas para o vindeiro ano académico.
Este curso escolar quedará marcado polo xurdimento e consolidación do movemento asembleario docente. Ante o «deterioramento progresivo e sostido» das condicións laborais, miles de docentes de toda a xeografía galega organizáronse de maneira espontánea —principalmente a través do boca a boca— en centros educativos.
Estas asembleas, que veñen celebrándose dende o pasado mes de setembro, serviron para poñer en común as dificultades do día a día nas aulas e para articular unha resposta unida fronte á Administración.
As demandas que o profesorado poñerá sobre a mesa coinciden coas que se están rexistrando noutros territorios do Estado, centradas na necesidade dunha mellora estrutural do sistema educativo:
- Redución das ratios e aumento de persoal.
- Máis recursos para a atención á diversidade.
- Diminución das horas lectivas e racionalización da carga burocrática.
- Melloras salariais e dignificación da profesión docente.
A Asemblea Xeral en Pontevedra preséntase como un punto de inflexión. O profesorado subliña que o vindeiro curso será «decisivo» para garantir un ensino público de calidade e unhas condicións laborais dignas. Por iso, fan un chamamento á participación activa de todo o corpo docente galego para que, de forma colectiva, se decidan as liñas de acción que marcarán as reivindicacións e mobilizacións dos próximos meses.
A cita está aberta a todo o profesorado do ensino público de Galiza, independentemente da súa adscrición sindical, reforzando o carácter asembleario e participativo que define a este movemento.