O BNG pedirá información á Xunta de Galiza para coñecer os pasos dados na construcción dun novo espazo de estacionamento en Fontiñas. O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, chamou á Xunta a “superar dunha vez a parálise” deste proxecto, logo de máis de tres anos desde o seu anuncio sen avances efectivos.
Arroxo lembrou que “pasaron máis de tres anos desde que Rueda anunciou a construción dese aparcadoiro sen que se dese ningún paso”, o que evidencia, ao seu xuízo, “a ausencia de compromiso real coa veciñanza de Fontiñas e coa mellora da mobilidade de Lugo”.
O BNG puxo o foco na “mala planificación” por parte da Xunta, ao destinar arredor dun millón de euros á construción dun aparcadoiro «nunha zona onde xa existe ampla dispoñibilidade de prazas», lembrou Arroxo, que engadiu «o BNG xa reclamamos cando se empezou a traballar no aparcadoiro da avenida de Breogán que este orzamnento se destinase a mellorar a dispoñibilidade de estacionamento en Fontiñas».
Fronte a esta situación, o BNG defende alternativas concretas, como a proposta presentada como emenda aos orzamentos da Xunta para habilitar máis de 100 novas prazas de estacionamento no cruce da rúa Primavera co carril das Hortas e o carril das Flores. Segundo explicou Arroxo, esta actuación permitiría “responder de maneira eficaz á demanda existente, optimizando os recursos públicos e mellorando a calidade de vida da veciñanza”.
A proposta do BNG sitúa este novo estacionamento na unión da rúa Primavera, o Carril das Hortas e o Carril das Flores, «un espazo que actualmente se emprega de maneira desordenada como estacionamento e que con esta proposta se convertería nun espazo útil para a veciñanza, dando continuidade á renovación do Carril das Flores que se está a executar xa».
A proposta inclúe a posibilidade de crear un estacionamento de dúas alturas, aproveitando o desnivel existente entre a rúa Primavera e o Carril das Hortas, o que permitiría «optimizar o uso do espazo e ofrecer preto de cen novas prazas de aparcadoiro». Ademais, o proxecto permitiría mellorar a imaxe urbana desta área situada xunto ao Camiño de Santiago, «cun deseño estético integrado en espazos verdes e coherente coa contorna». Esta nova infraestrutura podería contar cun espazo de 3.000 metros cadrados repartidos en dúas plantas que engadirían preto de 100 prazas de estacionamento á zona.
Rubén Arroxo lembrou que a actuación podería desenvolverse mediante os mesmos instrumentos que empregou a Xunta para executar o aparcadoiro da avenida Breogán, declarando o proxecto de interese autonómico. «Se a Xunta quere, pode facelo tamén aquí, porque dispón da lexislación necesaria para intervir neste tipo de solos», subliñou Arroxo.
Foto arquivo