Amor animal. Por @DulceCorcu

Quizais en ningunha das devastacións provocadas pola natureza os animais estean a ter tanto protagonismo coma nos terremotos de Venezuela acontecidos este pasado vintecatro de xuño. Con tristemente milleiros de falecidos e desaparecidos, o rescate de maiormente cans pero tamén gatos e ata un loro, enchen as redes sociais de emotivos vídeos onde son sacados de debaixo do que un día foron os seus fogares e algúns, os dobremente afortunados, conseguen incluso reunirse coas súas familias ou o que queda delas.

A imaxe dun canciño lambendo agradecido a faciana do seu rescatador virou arredor do mundo nunhas imaxes que arrincan as bágoas do corazón máis duro. Peludiños atrapados sete e oito días entre os cascallos que, cando ven a luz por fin, reciben afectos e coidados que en moitos casos podemos ver case «in situ» para devolvernos a todos un chisco de esperanza e ilusión no medio do horror. Un deles, de cor branca, non quería moverse do lugar onde foi atopado, e esa insistencia fixo posible recuperar á que era a súa familia, toda sen vida. Porque a lealdade perruna é eterna, no bo e no malo. Na saúde e na enfermidade ata que a morte os separe. No peor de todo, entre a dor incesante e o desconcerto xeralizado, o amor animal segue vivo para demostrarnos que o mundo, pese a todo, pode volver rexurdir das súas cinzas se sabemos corresponderlles como merecen. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios