O persoal do sector do transporte de mercadorías por estrada protagonizou este xoves unha concentración no polígono do Tambre, en Santiago de Compostela. A mobilización, convocada conxuntamente polos sindicatos CCOO, CIG e UGT, serve como protesta ante o bloqueo no que se atopan as negociacións do convenio colectivo por parte da patronal.
As organizacións sindicais esixen aos representantes empresariais que abandonen a súa postura inflexible e retomen de inmediato a mesa de diálogo cunha vontade real de acadar un acordo que asegure uns salarios dignos e mellores condicións de traballo para os profesionais do sector.
Unha proposta empresarial insuficiente
Os sindicatos cualifican de inaceptable a proposta da patronal. Denuncian que o plantexamento empresarial non garante o mantemento do poder adquisitivo e limita calquera actualización salarial unicamente ao salario base.
Ademais, critican que a patronal pretenda eliminar a retroactividade das subidas desde o 1 de xaneiro e que siga negándose a atender demandas históricas e fundamentais do colectivo, tales como unha remuneración específica para o traballo nocturno e para as xornadas realizadas en domingos.
Con esta primeira xornada de protesta, os traballadores e traballadoras do transporte de mercadorías amosan a súa determinación de intensificar as mobilizacións se a patronal non rectifica e se senta a negociar un convenio xusto.