Os traballos da institución provincial na LU-P-1901, onde leva investido preto de medio millón de euros, avanzan en dous tramos: entre Cereixido e Santiso no concello fonsagradino e entre Queizáne Pin no termo municipal naviego.
A Deputación de Lugo vén de iniciar este luns os traballos de estendido da capa de aglomerado en dous novos tramos da estrada provincial LU-P-1901, que é a que conecta os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna. Debido a execución destas tarefas, a vía permanecerá cortada ao tráfico rodado durante o tempo imprescindible para garantir a seguridade dos operarios e a correcta execución da obra.
Este proxecto, que conta cun investimento de 225.786 euros, servirá para rehabilitar o firme en dous treitos: entre Cereixido a Santiso no concello da Fonsagrada, do punto quilométrico 4,360 ao 6,430; e entre Queizán e Pin en Navia de Suarna, do quilómetro 22,600 ao 25,312.
Os traballos inclúen a limpeza de cunetas, a mellora da drenaxe, a reparación do firme e a posterior renovación da sinalización horizontal, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación nunha estrada moi utilizada polos veciños da Montaña lucense.
Esta actuación dá continuidade á xa executada entre Santiso e Santa María da Fonsagrada, tamén na LU-P-1901, na que a Deputación investiu 257.282,29 euros.
En conxunto, a institución provincial leva destinados 483.068,29 euros á mellora desta estrada, actuando sobre 7,9 quilómetros do seu trazado, reforzando a seguridade e a comodidade dos desprazamentos entre os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna.