Estas axudas da Axencia Estatal de Investigación (AEI) é o principal instrumento competitivo de financiamento da investigación non orientada no sistema estatal e un indicador da capacidade de captación de fondos estatais dunha universidade.
De acordo coa proposta de resolución provisional do procedemento de concesión de axudas 2025 a Proxectos de xeración de coñecemento e actuacións para a formación de persoal investigador predoutoral asociadas a ditos proxectos da Axencia Estatal de Investigación (AEI), a Universidade da Coruña vén de captar un financiamento de 6,3 millóns de euros para 46 proxectos e 11 contratos predoutorais. Estas cifras duplican as do ano anterior, cando a Universidade acadara máis de tres millóns de euros para 27 proxectos. Supoñen un incremento do 70,4 % en proxectos e do 88 % en importe con respecto á convocatoria de 2024, e sitúan á UDC moi por riba de calquera valor previo.
Os centros de investigación concentran máis da metade da captación e é tamén onde se aglutinan a maior parte dos contratos predoutorais (9 dos 11 de 2025).
Os centros de investigación da UDC obtiveron un total de 32 proxectos, dos cales 11 corresponden ao CITEEC; 9 ao CICA, 8 son do CITIC e 4 do CITENI. O resto de iniciativas adscríbense a facultades, escolas, e outros grupos de investigación.
O CITEEC, desde o residuos téxtiles á enxeñaría civil
O equipo investigador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) acadou 11 Proxectos de Xeración de Coñecemento nesta convocatoria.
Transformar residuos téxtiles non reciclables en morteiros cementicios de alto valor e paneis con propiedades de illamento térmico e acústico é o obxectivo de MORTEX, o proxecto que lidera Diego Carro López no Grupo de Construción (gCONS).
Pola súa banda, o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) impulsará dúas iniciativas. José Anta Álvarez liderará CON4SUDS, centrada no desenvolvemento dunha nova xeración de pavimentos drenantes de formigón para reducir o risco de inundacións urbanas e mellorar a xestión sostible da auga de chuvia. Mentres que, Andrea Muñoz Ibáñez encabezará T-FRACT, que investigará como se forman e propagan as fracturas por tracción en rochas sometidas a condicións de presión, temperatura e fluídos similares ás do subsolo.
No ámbito das estruturas, José Ángel Jurado Albarracín Martinón, do Grupo de Mecánica de Estruturas (GME), avanzará en novas metodoloxías de optimización aeroelástica de pontes de gran van. Pablo Guindos Bretones, do Grupo de Estruturas Arquitectónicas (GEA), desenvolverá un sistema de forxado composto de madeira, aceiro e formigón máis ecolóxico, resistente, económico e eficiente.
A investigación en estradas tamén estará presente da man do Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais (CGM), liderado por Ana María Rodríguez Pasandín, que desenvolverá bioligantes obtidos a partir de bioaceites residuais para substituír o betún asfáltico empregado nas mesturas bituminosas.
Outro dos proxectos financiados será ACHILLES, liderado por Xesús Nogueira Garea, do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI), que porá o foco na simulación de fenómenos físicos complexos, unha tecnoloxía clave para avanzar cara a modelos máis sostibles e competitivos en sectores como a enerxía e o transporte.
O Grupo de Química Analítica (QANAP) obtivo financiamento para tres proxectos. Entre eles figura BIOANALOMIC, liderado por Javier Terán Baamonde, que desenvolverá unha metodoloxía innovadora baseada na combinación de técnicas bioanalíticas avanzadas e tecnoloxías ómicas para avaliar o impacto da exposición a micro e nanopartículas sobre a saúde humana e o medio ambiente. Por outra banda, Soledad Muniategui e José Manuel Andradecentraranse na avaliación dos riscos químicos asociados aos materiais plásticos a través do seu proxecto AMANTE, que combina técnicas avanzadas de caracterización analítica, ferramentas de IA para toxicoloxía computacional preditiva e estudos ecotoxicolóxicos experimentais. O terceiro é CEFUS-ER, liderado por Jorge Moreda e Purificación López, que desenvolverá novas metodoloxías analíticas para mellorar o control da calidade do aire e xerar unha base científica sobre contaminantes regulados e emerxentes, en consonancia coa Directiva (UE) 2024/2881.
Finalmente, OLIGOLIFE permitirá reconstruír os ecosistemas existentes en Galicia hai entre 34 e 23 millóns de anos mediante o estudo de fósiles de vertebrados e plantas procedentes de distintas concas sedimentarias galegas. O proxecto estará liderado por Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco, investigadores do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast).
Biosensores, biomarcadores ou células espello no CICA
Os proxectos concedidos abranguen as principais liñas estratéxicas de investigación do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC e reflicten o seu carácter interdisciplinar.
Blanca Laffon Lage, co proxecto AGECOG-LONG, desenvolverá a identificación de biomarcadores e factores de risco asociados ao envellecemento cognitivo e físico para promover un envellecemento saudable.
A investigadora Nuria Fernández Rodríguez traballará co proxecto INSIDEBLOCK no desenvolvemento de biosensores e novas estratexias para a detección e control sostible de enfermidades polimicrobianas en acuicultura.
O proxecto VERMEX, de Carlos Peinador Veira, tratará de avanzar no deseño de interruptores, sistemas supramoleculares e máquinas moleculares con aplicacións en nanotecnoloxía e química biolóxica.
Pola súa banda, Ángel José Vizoso Vázquez contará cunha axuda para CRIPTOVA, de desenvolvemento de novas inmunoterapias personalizadas fronte ao cancro de ovario baseadas en antíxenos tumorais innovadores.
Roberto Javier Brea Fernández traballará na creación de células sintéticas «espello» para estudar os fundamentos da vida e abrir novas aplicacións en biotecnoloxía e medicina, e Juan Manuel Bermúdez García tratará de avanzar no desenvolvemento de materiais porosos avanzados para o almacenamento e a xestión eficiente de enerxía térmica.
Polo que respecta a PreDicT4MSCs, iniciativa de Ana Rey Rico, que desenvolverá a súa investigación na optimización da terapia xénica en células nai mesenquimais mediante intelixencia artificial e aprendizaxe automática para medicina rexenerativa.
Carlos Platas e David Esteban abordarán a través de ATOMIC o deseño de novos axentes quelantes para radiofármacos de última xeración destinados á radioterapia de precisión contra o cancro e Jaime Rodríguez levará a cabo un estudo da bioloxía e conservación de poliquetos mariños para favorecer unha explotación sostible dos recursos mariños e reforzar a bioseguridade das costas.
Novas solucións de computación e intelixencia artificial ao servizo das persoas no CITIC
Oito son os proxectos acadados polo CITIC na presente convocatoria.
A iniciativa “Arquitecturas, frameworks e aplicacións da computación de altas prestacións II” na que participanJuan Touriño Domínguez e Jorge González Domínguez desenvolverá novas solucións de computación de altas prestacións para optimizar o uso de arquitecturas avanzadas. As súas aplicacións abranguen a enxeñaría, a bioloxía computacional, a intelixencia artificial e a mellora da eficiencia enerxética dos sistemas de procesamento de datos.
O proxecto GEMMA, no que participan Luis Castedo Ribas e José Antonio García Naya, investigará a combinación de intelixencia artificial xerativa e tecnoloxías cuánticas para as futuras redes 6G. O obxectivo é crear sistemas de comunicación máis intelixentes, seguros e eficientes, con aplicacións na industria, o transporte e a internet das cousas.
Os investigadores Carlos Vázquez Cendón e Íñigo Arregui Álvarez desenvolverán o proxecto “Métodos matemáticos e computacionais para novos retos en finanzas, enxeñaría e biotecnoloxía”. Aplicará modelos matemáticos e técnicas computacionais avanzadas para resolver retos en finanzas, enxeñaría e biotecnoloxía.
Outro dos proxectos financiados será X-MED, de Javier Parapar López e Álvaro Barreiro García, que desenvolverá tecnoloxías de busca e intelixencia artificial que permitan acceder a información sanitaria de forma máis fiable, transparente e verificable.
Po outra banda, Diego Seco Naveiras e Guillermo de Bernardo Roca, traballarán en ELBA, que tratará de crear novas estruturas de datos e modelos de intelixencia artificial para xestionar e analizar grandes volumes de información ambiental. Os seus resultados contribuirán á vixilancia do territorio e á toma de decisións fronte ao cambio climático e outros retos ambientais.
Baixo o título HERMESG, Óscar Pedreira Fernández e Ángeles Saavedra Places, investigarán novas ferramentas para mellorar o desenvolvemento de software en contornas híbridos e remotas mediante tecnoloxías de datos e intelixencia artificial co obxectivo de reforzar a colaboración, a sustentabilidade e o benestar dos equipos, aliñando estas prácticas cos principios ESG.
Por outra banda, o proxecto NetHermes desenvolverá da man de José Manuel Vázquez Naya e Alejandro Pazos Sierra un novo marco de intelixencia artificial capaz de analizar conxuntamente o tráfico de rede e a información en linguaxe natural para detectar ameazas complexas.
Xa para rematar, a iniciativa AMANTE-AI-Dock, que conta co investigador Cristian Robert Munteanu, aplicará intelixencia artificial e técnicas de modelado molecular para predicir a toxicidade dos aditivos plásticos e reducir a necesidade de ensaios con animais. Os seus resultados facilitarán novas ferramentas para a avaliación regulatoria e a protección dos ecosistemas acuáticos e da saúde humana.
O CITENI, da física nuclear á transición enerxética
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña desenvolverá cinco novos proxectos de investigación que reforzarán a actividade científica do centro en ámbitos estratéxicos como a física nuclear e de partículas, a enxeñaría mecánica, a análise do movemento humano e os materiais avanzados.
O Grupo FiTNAE participa no proxecto NEXDREAM, coordinado polo investigador José Luis Rodríguez Sánchez. Esta iniciativa impulsará o desenvolvemento de detectores de nova xeración e sistemas avanzados de análise de datos para os experimentos que se desenvolverán na infraestrutura europea FAIR, co obxectivo de avanzar no coñecemento da estrutura da materia e no que acontece no interior das estrelas.
O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica desenvolverá o proxecto DaugA, dirixido por Francisco Javier González Varela. A investigación combinará modelos físicos e técnicas baseadas en datos para desenvolver novas ferramentas que permitan coñecer en tempo real o estado da maquinaria industrial e anticipar posibles fallos.
Tamén desde o LIM, o investigador Francisco Javier Cuadrado Aranda dirixirá o proxecto MALOUT, co obxectivo de poñer as tecnoloxías de análise en tempo real do movemento humano ao alcance dos profesionais da saúde e doutros ámbitos que non dispoñen de laboratorios especializados.
O Grupo FiTNAE participa no proxecto LHCb-UDC, en colaboración con outros grupos do experimento LHCbdo CERN. O equipo da UDC, dirixido por Diego Martínez Santos e Veronika Chobanova, desenvolverá novas ferramentas de análise en tempo real dos datos do experimento para estudar con maior precisión partículas que conteñen quarks estraños, cuxas desintegracións achegan información clave para comprobar as predicións do Modelo Estándar da física e buscar indicios de nova física.
Desde o Laboratorio de Polímeros Funcionais, Jaime Martín Pérez dirixirá QUASAR, que desenvolverá novas técnicas para coñecer con maior precisión a estrutura interna dos materiais que forman as células solares orgánicas.
Coa concesión destas axudas, a UDC reforza a súa capacidade para captar financiamento competitivo e desenvolver os seus proxectos de investigación en ámbitos estratéxicos, consolidando así a súa posición na xeración de coñecemento.