A III Xornada de Degustación de Navalla-Longueirón da Lonxa de Laxe reafirmouse este venres como un dos grandes atractivos do verán no municipio. A cita gastronómica, que arrancou ás 21:00 horas na carpa instalada na Praza Ramón Juega, superou todas as expectativas ao esgotar as súas existencias en menos de 60 minutos.
En total, repartíronse preto de 600 racións gratuitas —o equivalente a uns 100 quilos de navalla-longueirón desembarcado na lonxa local—. A alta demanda xerou longas filas de agarda xa dende antes do inicio do reparto e provocou que o produto se esgotase rapidamente.


Ciencia e divulgación para todos os públicos
Como antesala á degustación, a Praza Ramón Juega acolleu ás 20:00 horas o obradoiro de ciencia divertida «A biodiversidade do mar de Laxe», impartido polo equipo de Arenaria Coordinación.
A actividade contou coa participación dunha vinteira de nenos e nenas inscritos, ademais de numeroso público adulto. Os asistentes puideron manipular, tocar e observar a través de lupas e microscopios diferentes especies mariñas da zona, con especial protagonismo do longueirón, mentres descubrían curiosidades sobre a riqueza biolóxica presente e pasada do mar de Laxe.
A promoción do mar de Laxe continúa esta fin de semana
Quenes non puideron probar o produto terán unha nova oportunidade durante este sábado 8 e domingo 9 de agosto coas V Xornadas de Pesca Artesanal ‘No Mar da Lonxa de Laxe’.
O programa, que se desenvolverá no mesmo espazo da Praza Ramón Juega, incluirá:
- Showcookings en directo con cociñeiros invitados.
- Obradoiros infantiles e actividades divulgativas.
- Degustación popular de produtos da pesca artesanal.
- Festa gastronómica de peche durante a xornada do domingo.