O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, criticou a xestión do concurso para escoller o cartaz do San Froilán ao consideralo «totalmente devaluado pola imaxe publicada polo goberno, elaborada con intelixencia artificial». Por iso, reclamou ao Executivo local que tome medidas para «poñer en valor as festas e o traballo profesional que existe detrás da súa comunicación gráfica».
Arroxo anunciou que o grupo municipal do BNG rexistrou no Concello de Lugo unha solicitude para retomar o procedemento de deseño profesional empregado o ano pasado. Aquela edición contou coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e co talento do artista lucense Iván Mouronte para dar imaxe á gran festa do outono galego. «Dámoslles o traballo feito para que poidan retirar o concurso», aseverou Arroxo.
O portavoz nacionalista subliñou que «poñer en valor o traballo dos profesionais da ilustración é un paso necesario para acabar coa precarización do sector, agravada polo uso da intelixencia artificial». Por este motivo, exixiu que o Concello aposte por fórmulas que garantan unha remuneración digna e o debido recoñecemento da autoría.
Así mesmo, Arroxo cualificou de «hipócrita» o comunicado do goberno municipal ao xustificar a decisión como unha mera cuestión administrativa: «Gobernar tamén é asumir os erros; o PP non pode pretender botar balóns fóra e culpar ao persoal municipal de todos os fallos do seu executivo».
«O Goberno local ten que dar relevancia ás festas e non reducir o seu cartaz a unha operación de trámite», insistiu o portavoz do BNG. Para a formación, a imaxe do San Froilán debe reflectir «o carácter popular, galego, diverso e aberto da celebración, ademais de reforzar a súa identidade propia». «Lugo merece unhas festas coidadas en todos os detalles e unha imaxe creada con talento, responsabilidade e respecto polo traballo cultural», concluíu.