O Concello de Lugo confirma o xurado que avaliará as propostas do concurso do cartaz do San Froilán 2026

O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez Prado, deu a coñecer a composición do xurado que avaliará as propostas que se presenten ao concurso para elixir o cartaz do San Froilán 2026.

O xurado estará formado por:

  • Lomarti (Juan José López Martínez): artista multidisciplinar e referente da escultura galega, cunha traxectoria que tamén abrangue a pintura, a fotografía e o deseño gráfico. A súa capacidade para combinar técnicas e linguaxes visuais convérteo nunha figura de referencia no ámbito da ilustración e da creación gráfica.
  • Lucila Yáñez Anlló: licenciada en Bellas Artes, nvestigadora e profesional vinculada ao Museo Provincial de Lugo. A súa influencia procede do seu traballo no estudo, catalogación e divulgación do patrimonio artístico e da obra gráfica de creadores relevantes.
  • Xoán Guerreiro Vázquez: Ilustrou varias obras literarias, deseñou portadas discográficas e foi finalista do concurso de ilustración de libros de contos de Espasa-Calpe. A isto súmanse o primeiro premio de pintura LugoNova e a súa selección en tres edicións da Mostra Unión Fenosa.
  • Gonzalo Sánchez Folgueira, Zalo: artista plástico e profesor da Escola de Artes Aplicadas de Lugo. A súa principal influencia no ámbito da ilustración está vinculada ao seu labor docente e á súa contribución á formación artística e gráfica de distintas xeracións de creadores lucenses. A súa traxectoria foi recoñecida polo Museo Provincial de Lugo cunha exposición e un catálogo monográfico.

O concelleiro de Cultura explica que “a composición deste xurado responde á vontade de contar con persoas con coñecementos e experiencia na creación e de garantir a independencia e imparcialidade na valoración das propostas, dentro das condicións establecidas nas bases da convocatoria”.

A elección do cartaz do San Froilán realizouse durante 26 edicións mediante concurso aberto, unha fórmula que permitía presentar propostas a todas as persoas interesadas. O ano pasado o anterior goberno optou por unha vía diferente, mediante o encargo directo a un ilustrador- O novo goberno recupera este ano o concurso.

Estamos ante unha convocatoria de carácter amateur, aberta a todas as persoas que queiran participar e cumpran as bases. “Democratizar tamén é isto: permitir que calquera persoa poida presentar a súa proposta. Isto non impide, cuestiona nin desvaloriza o traballo dos deseñadores e creadores profesionais”.

Polémica Forzada

Sobre as críticas pola imaxe utilizada nas redes sociais para anunciar o concurso, o edil sostén que a polémica non é tal e aclara que “esa imaxe non era o cartaz do San Froilán, nin pretendía ser unha proposta creativa. Foi simplemente un recurso de comunicación elaborado por un traballador municipal para anunciar a convocatoria”.
Javier Vázquez Prado lembra que as bases do concurso establecen expresamente que non se poderá utilizar intelixencia artificial nas propostas que se presenten, aclarando que “a IA é xa unha realidade presente na sociedade e tamén nas ferramentas de comunicación. Negalo sería hipócrita”.

Ramón Cabarcos

O Goberno municipal considera fundamental garantir a independencia e a imparcialidade en todas as decisións vinculadas ao proceso. No caso de Ramón Cabarcos, a súa dobre condición como concelleiro do Goberno municipal e director da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón fai necesario extremar estas garantías, máis aínda ante o comportamento da oposición, que está a intentar converter unha decisión administrativa nunha cuestión de confrontación política.

Ramón Cabarcos quere manifestar que «como Concelleiro de Urbanismo e membro do goberno municipal, apoio completamente o traballo que a Alcaldía e todas as Concellerías están a desenvolver, e especialmente o da Concellería de Cultura. A miña responsabilidade coma director da EASD Ramón Falcón é a de mellorar e apoiar o eido creativo en xeral, e da cidade en particular. Ambas responsabilidades son plenamente compatibles e permítenme dar o mellor nos dous ámbitos, de xeito alleo á calquera polémica política que poida estar interesada en facer ver o contrario

Comparte éste artículo
No hay comentarios