O popular considera “unha oportunidade” o crecemento da demanda de alimentos e produtos elaborados ecolóxicos para un sector que contribúe á xeración de emprego e ao asentamento da poboación en Galicia e na provincia de Lugo.
O portavoz do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, pon en valor a “calidade diferenciada” dos produtos agroalimentarios galegos baixo o selo ecolóxico e subliña o importante labor do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) para o seu control e impulso.
O popular visitou -acompañado polo presidente da entidade Francisco López Valladares, o director de promoción Marcos Vázquez, o director técnico Manuel Cancio e o secretario Javier García- as instalacións na cidade de Lugo, a sede principal á que se suman outros dous centros de traballo en Monforte de Lemos e Vilanova de Arousa.
A entidade certificadora pechaba o ano 2025 con máis de 1.500 rexistros inscritos en toda Galicia e máis de 46.600 hectáreas de superficie. Desta, máis do 45% se atopa na provincia de Lugo que tamén concentra a maior porcentaxe de produtores xa que supera o 40% do total de Galicia. Lugo destaca en produción animal con preto do 60% do conxunto da comunidade e sitúase por diante tamén en produción vexetal alcanzando o 33%.
Por volume de negocio, a produción animal ten o maior peso con máis do 50% do volume total, seguida da produción vexetal cun 37%, e a produción acuícola e as algas cun 10%.
Ameijide destaca “o crecemento da produción agroalimentaria en ecolóxico en Galicia” que superou no 2025 un volume de negocio de 7,12M€. Así mesmo, considera “esperanzador” para o sector agroalimentario galego o crecemento dos produtos elaborados con certificación que “marca un camiño de oportunidades”.
“Galicia e Lugo son sinónimos de calidade agroalimentaria. E o selo ecolóxico constitúe, ademais, unha oportunidade para os nosos produtores ante o crecemento da demanda dos alimentos -tanto carnes, como lácteos, froitas, verduras, cereais, ovos, conservas, mel, viño- e elaborados producidos de forma respectuosa co medio ambiente e sen aditivos”, apuntou Ameijide.
O portavoz provincial do Partido Popular pon en valor os proxectos implantados na nosa provincia que “contribúen á xeración de emprego e ao asentamento da poboación ao mesmo tempo que producen alimentos de calidade diferenciada dende o noso territorio”.
CRAEGA
O CRAEGA é o organismo de control da agricultura ecolóxica autorizado no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. A entidade pública conta con representación do sector produtivo, elaborador, comercializador e a propia Administración galega. E entre as súas funcións atópase a de auditar e certificar os produtos agroalimentarios ecolóxicos da nosa Comunidade Autónoma, xestionar o rexistro dos operadores ecolóxicos galegos, promover o consumo de alimentos ecolóxicos e divulgar os sistemas de produción ecolóxica.