O presidente da Ría da Estrela, Luís Oujo, salienta que “o Castro de Baroña é un dos atractivos turísticos máis destacados de Galicia” .
Gran temporada de verán a nivel turístico na Ría de Muros Noia. Á eclosión do Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia, cun goteo constante de peregrinos chegados tanto por vía marítima como terrestre, hai que engadirlle tamén un significativo incremento no número de turistas que visitaron a Ría da Estrela durante este verán.
Así o exemplifica o Castro de Baroña, un dos referentes turísticos xa non da comarca, se non de toda Galicia, que durante os meses de xullo e agosto ten recibido un total de 6.675 visitantes. Segundo datos da Oficina de Turismo do Castro de Baroña, no que vai de verán contabilizáronse 1.110 visitantes procedentes de ata 41 países diferentes, se ben os turistas nacionais continúan sendo maioría: 5.565 persoas.
Luís Oujo, presidente do xeodestino Ría da Estrela, destaca que “o Castro de Baroña ten uns 2.000 anos de antigüidade, pero estará eternamente de moda. A súa beleza e o seu extraordinario emprazamento son un atractivo turístico dos máis destacados en Galicia” e salienta que “este mes de agosto, unha vez máis, o número de visitantes se ha incrementado noutro 3%”.
Procedencia
De acordo cos datos da Oficina de Turismo do Castro de Baroña, este enclave de Porto do Son recibiu visitantes procedentes de ata 41 países diferentes. Os franceses son o grupo máis numeroso, representando un 30% do total, seguido a bastante distancia por Alemaña e Italia. Ademais, o castro acolleu tamén a visitantes chegados de países tan diferentes como Australia, Noza Zelanda, Emiratos Árabes, Tailandia, Corea do Sur, Illas Mauricio, Somalia ou Camerún.
Entre os 5.565 visitantes nacionais, sorprende que menos dun 20% eran galegos, o que demostra o forte tirón que o Castro de Baroña ten entre o público nacional. Así, o maior número de visitantes procedía de Madrid (34%), seguido de Andalucía, País Vasco, Cataluña e Castela-León. Como curiosidade, este verán recibíronse visitas de todas as comunidades autónomas españolas.
Dende a Oficina de Turismo do Castro de Baroña destacan sobre todo que os visitantes veñen especialmente recomendados dende puntos de fora da Ría da Estrela, sobre todo dende o Parque Natural de Corrubedo e do Faro de Fisterra, pero tamén dende puntos tan dispares como a Ribeira Sacra ou o aeroporto Sá Carneiro de Oporto.