ADEGA. «30 anos da catástrofe de Bens: as asignaturas pendentes do lixo en Galicia»

Cando se fan 30 anos do derrube do vertedoiro de Bens (A Coruña), o 10 de setembro de 1996, a xestión do lixo segue lonxe de cumprir os obxectivos fixados nas directivas europeas e nas leis estatais. Neste 2026, fanse tamén 36 anos da creación de SOGAMA, 31 anos do inicio do vertedoiro da Areosa en Cerceda, e 26 anos das dúas principais plantas de tratamento de residuos. 

Co ano 2000 como referencia, iniciouse o funcionamento da planta de Nostián de compostaxe e reciclaxe, e da planta de SOGAMA en Cerceda, baseada na incineración, xunto cunha pequena planta de recuperación de envases para a reciclaxe. Por outra banda, sería en 2003 cando entrou en funcionamento a planta comarcal do Barbanza (pechada en decembro de 2025) e en 2011 cando se aprobou un novo plan de residuos urbanos para o período 2010-2022, no que se incluía a construción de varias plantas de compostaxe no ámbito SOGAMA. A primeira delas entraría en funcionamento en 2020, en Cerceda, e outras tres (nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra) faríano aínda en 2025. 

O vertedoiro de Bens daba servizo ao concello da Coruña e outros da comarca das Mariñas. Mais tratábase dun vertedoiro incontrolado, situado na ladeira do monte de Bens que mira ao océano. Recibía unhas 125.000 toneladas anuais de lixo, desde 1980, tanto de orixe doméstico como industrial. Sufría recorrentes episodios de incendios e riscos de derrube que finalmente acabou sucedendo de forma catastrófica, con 200.000 toneladas ladeira abaixo até entrar no mar, e arrasando vivendas, vehículos e persoas. 

O suceso deu lugar á mobilización cidadá na Coruña e forzou o concello a elaborar un plan de reciclaxe e compostaxe, coa planta de Nostián. Aínda presentando un dos mellores resultados de xestión no ámbito galego, as contas de Nostián seguen sendo pouco satisfactorias. Un proxecto similar para o pequeno ámbito do Barbanza ofreceu sen dúbida os mellores resultados durante anos, mais acabou sucumbindo as presións de SOGAMA e de Ecoembes, polo que foi absorbido por SOGAMA en xaneiro de 2026. 

O vertedoiro de Bens era, no seu momento, o máis grande de Galiza, acumulaba arredor de dous millóns de toneladas de lixo en 1996, cando tivo lugar a catástrofe. Un ano antes comezara a funcionar o vertedoiro de SOGAMA na Areosa, con residuos chegados de Vigo, onde se construíu a primeira estación de transferencia de residuos de SOGAMA. A 31 de decembro de 2025, tras algo máis de 30 anos en funcionamento, acumulaba xa 6.849.073 toneladas de residuos, polo que hoxe supera os 7 millóns de toneladas de lixo. Estamos diante do macrovertedoiro xamais existente en Galiza.

Mentres, o modelo SOGAMA baseouse na incineración dunha maior parte do lixo que chega a Cerceda desde as estacións de transferencia espalladas por todo o país. Incineración e vertido son o destino de máis do 90% do lixo que chega a SOGAMA, mentres a recuperación para reciclaxe fica estancada por debaixo do 8%.

A compostaxe, a gran esquecida

E se a reciclaxe está estancada, a compostaxe nas plantas de SOGAMA segue un camiño similar. Tras seis anos da súa posta en marcha, a planta de compostaxe nas instalacións de SOGAMA en Cerceda tratou unicamente 2.322 toneladas, o que equivale ao 15% da capacidade da planta. As outras tres plantas trataron nese mesmo ano outras 2.132 toneladas; suman unha capacidade total de 21.000 toneladas anuais (15000 en Vilanova de Arousa, 3000 en Cervo e 3000 en Verín), polo que o seu uso foi do 10,2% en 2025.

Ao ritmo de introdución da recollida separada de materia orgánica nos concellos do ámbito SOGAMA pasarán 15 anos antes de que estas plantas cheguen á completar a súa capacidade nominal. Por outra banda, a súa capacidade equivale a só o 10% da fracción orgánica xerada no ámbito SOGAMA. Por tanto, podemos afirmar que en ningún escenario próximo se poderán acadar os obxectivos de recuperación da fracción orgánica para cumprir os de valorización total do 55% en 2025, 60% en 2030 e 65% en 2035. A cifra de compostaxe no ámbito SOGAMA foi do 0.5% dos residuos tratado das instalacións de SOGAMA, o que equivale a un 1% de reciclaxe da fracción, aproximadamente. 

Tamén a compostaxe doméstica se atopa estancada. Nos últimos anos, SOGAMA informaba da compostaxe doméstica e comunitaria de 2.000 toneladas anuais, mais sen se que coñeza método de avaliación ao respecto. No último informe de 2025 desapareceu esta cifra, polo que a súa achega non está contabilizada.  

E que pasa con Nostián? En 2022 superaba a cifra do 30% de reciclaxe. Desde ese ano non tivemos acceso á evolución da planta de Nostián, e é previsible unha redución das cifras coa introdución do contedor de envases, o mesmo experimentado no ámbito SOGAMA. ADEGA dirixirase ao concello para solicitar os datos até 2025 e valorar a situación, mentres o concello no acaba de resolver o concurso de renovación da planta.

Comparte éste artículo
No hay comentarios