Desde hai tres días estanse a producir filtracións continuas no sector norte do dique de cola da balsa de lodos vermellos de ALCOA a 75 m de distancia das casas máis próximas de Aldea de Arriba (parroquia de Morás, Xove).
A vertedura destes residuos perigosos constitúe un risco inaceptable para a saúde dos veciños e o medio ambiente, polo que SGHN ven de denunciar os feitos diante do SEPRONA, Augas de Galicia e o Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en Lugo. Nas denuncias, SGHN solicita que investiguen os feitos e adopte todas medidas posibles dentro das súas competencias legais para esixir que rematen ditas filtracións, se repoña a legalidade vixente e se sancione a ALCOA pola vertedura ao medio destes residuos perigosos.
O 31 de decembro de 2025, a avogada e escritora Ana Martina Varela Velo, xa advertía do que podía suceder nun artigo publicado en 21noticias, poñendo sobre a mesa un escenario que o tempo terminou por confirmar. Ao día seguinte, 21noticias publicaba unhas fotografías estremecedoras nas que se veían as rúas e estradas teñidas de vermello.
Qué son os lodos vermellos?
Os lodos vermellos son residuos perigosos (no caso de ALCOA todas as mostras analizadas os cualifican como corrosivos ou irritantes), con pH moi alcalino, orixinados durante produción de alúmina a partires de bauxita polo proceso Bayer.
A produción de 1 kg de alúmina conleva a xeración de entre 0,4 e 2 kg de lodos vermellos (Padhan e Paul, 2025). No caso da planta de ALCOA -a única en España- a xeración de lodos estaría no treito máis elevado deste rango (2 kg lodos/1 kg alúmina) de acordo coa información oficial do “Sistema Español de Inventario de Emisiones“, pero non é posible cruzar os datos de produción de lodos cos de alúmina e aluminio pois os datos de produción “relativos ao aluminio primario non se publican por razóns de confidencialidade” (Sistema Español de Inventario de Emisiones).
Qué se fai cos lodos vermellos?
Nas plantas de procesamento de minerais, os relaves (residuos de bauxita ou lodos vermellos no caso das refinerías de alúmina) amoréanse en depósitos que, a partires dun dique inicial, poden recrecerse empregando tres métodos de construción:
- A) “Augas arriba”, no que o dique de peche vaise apoiando en parte no propio lodo depositado. Deseñouse para zonas con pouca actividade sísmica e pouca pluviosidade ou captación de augas (https://globaltailingsreview.org/about-tailings/). Está prohibido en Chile e Brasil.
- B) “Liña central”, método intermedio entre os de “augas arriba” e “augas abaixo”.
- C) “Augas abaixo”, no que o recrecemento do dique de peche apoiase por completo no dique preexistente. Deseñouse para zonas con actividade sísmica ou con alta pluviosidade ou captación de augas (véxase https://globaltailingsreview.org/about-tailings/)

As roturas accidentais en depósitos construídos “augas arriba” diminuíron moito nos últimos 25 anos, pero a nivel mundial a súa frecuencia segue a ser case tres veces maior que a das roturas en depósitos construídos “augas abaixo” (Stark et al., 2022).
Como é o depósito de lodos vermellos de ALCOA?
O depósito, que comezou a construírse en 1979, ocupa unhas 116 ha na valgada entre os montes Sánchez e Peniche; ademais, os noiros dos diques que o bordean ocupan outras 26 ha despois de sucesivos recrecementos polo método “augas arriba”, agás o de 1981 que foi polo método “liña central”. Os recrecementos nunca chegaron a cumprir a vida útil estimada nos respectivos proxectos, con “erros de cálculo” tan abultados como para durar 23-25 anos menos do previsto:
- Recrecemento de 1986 ata cota 64 m snm, debería ter durado ata 2018.
- Recrecemento de 1995 ata cota 85 m snm, debería ter durado ata 2020.
- Recrecemento de 2006 ata cota 100 m snm, debería ter durado ata 2031.
Cómo son posibles “erros de cálculo” de tal magnitude nunha industria como ALCOA?
Se fose incompetencia dos responsables de deseñar o depósito de lodos vermellos cabe supoñer que os terían despedido hai anos, pero os erros sistemáticos, que se repiten dende hai catro décadas, non están nos cálculos de capacidade do depósito. Os erros están nas estimacións da produción de lodos vermellos que aumentou de xeito constante ata ser hoxe 6,52 veces maior que en 1986. Cunha mesma eficiencia no proceso industrial, cabería agardar que a produción de alúmina (e de aluminio) tamén fose 6,52 veces maior. Como os datos de produción “relativos ao aluminio primario non se publican por razóns de confidencialidade”, non se pode comprobar de xeito independente se dita hipótese é correcta. Polo mesmo motivo, tampouco se pode desbotar a explicación alternativa de que se estea a empregar bauxita de menor pureza (máis barata) a costa de xerar máis residuos para manter a produción e/ou incrementar os beneficios. Desde a privatización da antiga INESPAL a ALCOA en 1998 a produción anual de residuos duplicouse moi ampliamente e, como se indicou no primeiro apartado, a relación entre produción de lodos e alúmina pode ser ata 5 veces maior nuns casos que noutros (véxase Padhan e Paul, 2025).