A Deputación da Coruña impulsa un Xemelgo Dixital Provincial cun investimento de 3,36 millóns de euros para mellorar os servizos públicos e xerar novas oportunidades económicas

A iniciativa permitirá aos concellos utilizar a intelixencia artificial e a análise de datos para anticipar necesidades, planificar investimentos e mellorar a xestión de ámbitos como a auga, a enerxía, a vivenda ou as infraestruturas.

A Deputación da Coruña impulsará a creación dun Xemelgo Dixital Provincial, unha innovadora ferramenta tecnolóxica que permitirá analizar as necesidades dos 93 concellos da provincia, anticipar problemas e mellorar a planificación dos servizos públicos e dos investimentos. O proxecto, denominado “Coruña: Provincia analítica e preditiva”, contará cun investimento de 3,36 millóns de euros e empregará tecnoloxías de intelixencia artificial, análise avanzada de datos e simulación para favorecer unha xestión pública máis eficiente e contribuír ao desenvolvemento económico do territorio.

A deputada de Emprego, Medio Ambiente e Política Demográfica, Rosa Ana García, participou en Madrid no acto de presentación e lanzamento dos proxectos beneficiarios da convocatoria RedCyTI Smart Economy, xestionada pola entidade pública empresarial Red.es, adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. No encontro, celebrado na sede de Red.es, participaron o seu director xeral, Jesús Herrero Poza, e representantes de entidades locais de toda España.

A Deputación da Coruña é unha das 52 entidades locais seleccionadas a nivel estatal para desenvolver esta iniciativa, coa que pretende poñer as novas tecnoloxías ao servizo dos concellos e da cidadanía, especialmente nos municipios máis pequenos e con menos recursos técnicos.

O Xemelgo Dixital Provincial funcionará como unha representación virtual do territorio que integrará información sobre poboación, vivenda, actividade económica, infraestruturas, consumo enerxético, abastecemento de auga e servizos públicos. A partir destes datos, a plataforma permitirá identificar necesidades, detectar desequilibrios territoriais, analizar tendencias e simular diferentes escenarios antes de adoptar decisións ou realizar investimentos.

Na práctica, esta ferramenta poderá axudar a prever necesidades futuras de abastecemento de auga, identificar zonas con maior vulnerabilidade enerxética, analizar a evolución da demanda de vivenda, planificar novas infraestruturas ou detectar oportunidades para a implantación de actividades económicas.

O obxectivo é que as administracións locais dispoñan de información máis precisa e ferramentas de análise que lles permitan tomar decisións fundamentadas, optimizar os recursos públicos e mellorar os servizos que prestan á veciñanza.

Tecnoloxía ao servizo dos pequenos concellos

Un dos principais obxectivos do proxecto é reducir a fenda dixital entre os municipios e facilitar que os concellos con menor capacidade económica e técnica poidan acceder a ferramentas tecnolóxicas avanzadas que dificilmente poderían desenvolver por si mesmos.

A iniciativa adquire especial relevancia nunha provincia caracterizada pola dispersión da poboación, o envellecemento demográfico e as diferenzas entre o medio rural e as áreas urbanas.

Neste contexto, a Deputación da Coruña pretende utilizar a tecnoloxía para dar resposta a desafíos como a perda de poboación nos pequenos municipios, as dificultades de acceso á vivenda e aos servizos, a vulnerabilidade enerxética, a perda de actividade comercial ou a necesidade de atraer investimentos e xerar oportunidades de emprego.

A plataforma permitirá, ademais, analizar a realidade dos distintos concellos con criterios homoxéneos, compartir información e favorecer unha planificación coordinada das políticas públicas a escala provincial.

Rosa Ana García destacou a importancia de que a transformación dixital chegue a todos os municipios, con independencia do seu tamaño. A deputada sinalou que o propósito desta iniciativa é aproveitar as posibilidades que ofrecen a IA e os datos para que os concellos poidan anticiparse aos problemas, planificar mellor os seus recursos e ofrecer respostas máis eficaces ás necesidades da cidadanía.

Un investimento de 3,36 millóns de euros

O proxecto  conta cun orzamento total de 3.365.010 euros, dos que 2.019.006 euros (60 %) proceden de financiamento europeo e os 1.346.004 euros restantes (40 %) serán achegados pola Deputación da Coruña con fondos propios.

A iniciativa foi seleccionada no marco do programa RedCyTI Smart Economy de Red.es, destinado a impulsar a transformación dixital das cidades e territorios intelixentes e a favorecer o desenvolvemento económico mediante a aplicación de tecnoloxías avanzadas.

RedCyTI é un programa red.es, e ten como obxeto impulsar as cidades e territorios intelixentes. As actuacións están financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) do periodo de programación 2021-2027.

Comparte éste artículo
No hay comentarios