Alexandre Penas denunciou hoxe que as queixas do persoal municipal polo mal estado das naves do Parque da Milagrosa responden directamente ao «bloqueo sistemático do PP» sobre os proxectos que o anterior goberno deixou tramitados antes da moción de censura. O concelleiro nacionalista Alexandre Penas lembrou que a súa área deixou elaborado «un proxecto integral de renovación e a súa partida orzamentaria» e criticou que os populares leven «cinco meses sen dar nin un só paso para executalo».
O plan deseñado desde a Concellería de Infraestruturas Urbanas recolle a reforma das instalacións das brigadas de obras, rural, parques e xardíns, augas, servizos electromecánicos e sinalización viaria. Entre as actuacións crave destaca a substitución completa da cuberta de todas as naves —actualmente a principal fonte de problemas polas continuas filtracións de auga e o consecuente deterioro—, así como a impermeabilización e reparación de portas, fiestras e estancias interiores.
Penas puxo en valor o labor que desenvolven estes equipos, «que atenden cada ano a centos de reclamacións veciñais de xeito rápido e efectivo», e lamentou que, malia dispoñer de todo o expediente preparado e financiado para mellorar as súas condicións de traballo, «o goberno do PP teña o proxecto totalmente paralizado nun alleamento absoluto á realidade do persoal municipal».