O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, participou nunha visita polos stands acompañado pola vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares, e polo director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez.
O Campus Industrial de Ferrol reúne este xoves a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT – Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia na comarca que está a ter lugar, de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas, no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da Universidade da Coruña (UDC), a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez, percorreron a media mañá os diferentes stands da feira, onde puideron coñecer de primeira man a actividade das empresas, entidades e asociacións participantes, así como as oportunidades laborais que ofertan.
A cuarta edición do FESTALENT está a destacar tamén pola elevada afluencia de público, cunha importante presenza de alumnado universitario e de Formación Profesional xunto a outras persoas de distintos perfís interesadas en coñecer novas oportunidades laborais. Ao longo da xornada, as persoas asistentes poden visitar os stands, establecer contacto directo coas empresas e informarse sobre os perfís profesionais máis demandados e as ofertas de prácticas e emprego dispoñibles.
Unha ampla representación do tecido empresarial e asociativo
Participan no FESTALENT as empresas Abance Ingeniería, ALUMAN, Antea Group, Applus+, Armada, Cándido Hermida, CT Ingenieros, Detegasa, ElectroRayma, Finsa, Grupo Gabadi, Gauzón Ibérica, Genesal Energy, Gerca Acero y Metal, Ghenova Ingeniería, Grupo Intaf, Grupo Noa´s, Ibercisa, Indra, Invall, Grupo JRilo, Navantia, Nordés Ancín, Nordés Edge, Norvento Enerxía, Proxecto Shorewinner, PwC, Quest Global, Reganosa, STAC, Tecdesoft, Technip Energies Iberia, TechnoPro Hispania, Texas Controls, Voltan Group e Primark.
Tamén teñen espazo de seu neste evento a Asociación Clúster Naval Gallego (ACLUNAGA), o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL), a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (AJE Ferrolterra), a Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia (ASIME), o Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia (ICOIIG), o Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales de Coruña (COETICOR), o Colegio Oficial de Ingenieros Navales y Oceánicos (COIN), o Colegio Oficial de Graduados e Ingenieros Técnicos Navales (COGITN), a Bolsa de Emprego do Polígono de Carballo, COGAMI, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (Polos de Emprendemento), a entidade da Fundación ONCE Inserta Empleo, o programa Xuventude Mentoring e o Servizo de Emprego da Universidade da Coruña (UDC).
O poder das narrativas, protagonista da conferencia de clausura
Como peche desta cuarta edición do FESTALENT, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, ás 18:15 horas, unha conferencia impartida polo fundador e director creativo de Morbo Brand Makers, Pablo Amade. Baixo o título “O poder das narrativas”, o relator convidará ao público asistente a reflexionar sobre como as historias constrúen significado, xeran vínculos e contribúen a dar forma ás marcas, tanto persoais como empresariais. Ao longo da súa intervención abordará tamén a influencia das narrativas á hora de conectar coas persoas, transmitir ideas e mobilizar arredor de proxectos.