Esta primeira intervención no edificio inclúe actuar sobre a envolvente do edificio, recuperar espazos na parte baixa do inmoble (habilitar un auditorio, sala polivalente) así como acondicionar unha plaza pública axardinada moi demandada pola veciñanza. A alcaldesa de Lugo, Elena Candia explicou que “iniciamos a recuperación do Cuartel de San Fernando coa axuda da Consellería de Cultura” puntualizando que as “intervencións que levaremos a cabo serán compatibles coa nova convocatoria que xa está aberta para optar ao 2% cultural” a cal confirmou “nos volvemos a presentar”.
Hai que lembrar que este martes coñeceuse a nova de que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana excluía o proxecto de Lugo na proposta de resolución provisional da convocatoria do 2 % Cultural . Hoxe o concello presentaba unha solicitude de información para saber a puntuación obtida polo proxecto de Lugo.
O goberno local xa informaba a semana pasada que tiña feitos os deberes feitos: A Administración local tiña reservados 3.800.308,90 euros para asumir a súa achega municipal e remitiu tamén os informes favorables das obras a acometer solicitados polo Ministerio o pasado 23 de xullo.
O proxecto global para a recuperación deste edificio contempla un investimento de 15,2 millóns de euros para rehabilitar os 4.240 metros cadrados do antigo cuartel e convertelo nun equipamento cultural de referencia para a conservación, investigación e divulgación do legado romano e castrexo de Lugo.


Arranca a primeira intervención para mellorar o edificio e recuperar espazos
Á marxe da tramitación da axuda estatal, o Concello impulsará, coa colaboración da Xunta de Galicia (500.000 € orzamentados), a recuperación do Cuartel de San Fernando.
Unha parte fundamental dos traballos centrarase na envolvente do edificio unhas actuacións que permitirán mellorar o estado de conservación do inmoble e a súa imaxe exterior. Entre outras actuacións destacar:
– Renovación da cuberta (2.910 m² de lousa). Investimento 1.045.413,02 €
– Para o revestimento da fachada (revocado de morteiro de cal), a renovación da carpintería e da vidraría e reixas das ventás o orzamento é de 0,71 M€,
Outra das actuacións que se programan no anexo do inmoble é acondicionar o auditorio (122,8 m² con espazo para 90 prazas), que está no soto do edificio, e tamén se habilitará unha sala polivalente, que poida acoller diferentes actividades e usos.
As actuacións na parte posterior do cuartel, na rúa Quiroga Ballesteros no espazo situado entre as rúas Amor Meilán e San Froilán consistirán.
Acondicionamento dunha praza pública axardinada situada na parte traseira do edificio, atendendo así a unha demanda trasladada pola veciñanza e mellorando este espazo público para o seu uso e desfrute. Abrirase unha nova porta de acceso ao auditorio e sala polivalente. Para todas estas actuacións o orzamento é de 2,54 M€
Tamén se farán traballos de arqueoloxía nunha área do patio de 139,62 m² asi como control arqueolóxico dos terreos da parte de atrás do edificio onde tamén se vai actuar.
Con esta primeira actuación, o Concello comezará a materializar a recuperación do antigo cuartel, mellorando o edificio e recuperando espazos para a cidade, ao tempo que continúa traballando para conseguir a financiación necesaria para desenvolver o Museo da Romanización na súa dimensión integral.