Ocasión para sumar unha vitoria fronte ao equipo vigués.
Volve o baloncesto ao José María Valeiro Iglesias “Tocayo” e faino coa visita dun conxunto, o Novobasket, que só gañou 1 dos 7 partidos disputados. Os vigueses, acabados de ascender á categoría, son un club con enormes resultados en canteira que quere consolidarse en ligas FEB e así devolver o baloncesto sénior de certo nivel á cidade olívica, pero que non acaba de engraxar as pezas. Na súa rotación, ademais de xogadores de categorías inferiores con proxección, coma o júnior Adrián Pereira ou o cadete Mateo Pérez, atópanse David Benavides (14.7 pp), Nicolás Cruzado (14.6 pp.) ou o pivote danés Mathias Holm Stubkjaer, de 2.07 metros de altura, aínda en proceso de adaptación ao equipo.
O Santo, que malia ocupar a 10a praza só suma 2 vitorias, non pode deixar escapar a ocasión de conseguir unha vitoria so pena de quedar xa no vagón de cola coa terceira parte da liga disputada. Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador dos betanceiros: “O equipo de Vigo é un equipo de xente moi nova cun ritmo de xogo rapidísimo e con moitas accións de 1×1. O noso equipo cada día está adestrando mellor e imos recuperando xogadores: probablemente Ernest poida xogar uns minutos este domingo, Temos que ir dende o minuto 1 pola vitoria“.
O encontro terá lugar ás 17h do domingo 22 e será retransmitido por BalONcesto Tv.
Completa xornada para o resto de equipos do Club
Polo demais, a xornada da fin de semana ofrece unha completa axenda para o básquet betanceiro. Xogan na casa o Warnier infantil feminino (venres 20.15h VS. Calasanz), as cadetes de Decornaveira (sábado 12h Vs. Maristas), os sénior de La Goleta (domingo 10h Vs. Basquet Coruña) e os cadetes de J. Caamaño Arquitecto- (domingo 19h Vs. Culleredo, agás cambios de última hora). Terá porén que desprazarse o premini feminino (Agra 12.30h Vs. Calasanz), os júnior masculino (sábado 16h. contra Arteixo), os infantís masculino (16h. contra Basquet Coruña), os minis de 2016 (Agra 17.30h Vs. Compañía), o equipo de Segunda Autonómica (sábado 20h. Vs. Moneyball Coruña), as sénior feminino (domingo 12h VS. Montrove), o acabado de crear equipo de veteranos (domingo 19h. contra Golfiños Sada) e as júnior feminino (domingo 20h. contra Compañía de María.