O delegado territorial, Javier Arias, informou dos traballos que comezarán nos vindeiros días á xuíza decana, Olalla Díaz.
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acometerá proximamente obras na sede dos Xulgados de Lugo para mellorar a accesibilidade e a iluminación, aos que destina un investimento de 42.400 euros.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro con Olalla Díaz, á que felicitou pola súa recente reelección como xuíza decana de Lugo. Destacou “o respaldo unánime” que obtivo a súa candidatura, avalada polo traballo realizado nos últimos anos, e ofreceu “a colaboración da Xunta para seguir avanzando na mellora das infraestruturas, dotacións e equipamento dos órganos xudiciais”.
No que respecta ás actuacións que se iniciarán nos vindeiros días, comprenden a instalación dunha nova porta de entrada dotada dun sistema de tarxetas para a apertura e control de accesos, o que reforzará a seguridade nos horarios nos que o edificio permanece pechado ao público.
Igualmente, vanse substituír as luminarias das nove salas de vistas, instalando preto dun cento de paneis LED que proporcionarán máis luminosidade e cun menor gasto no consumo enerxético. Estas obras contratáronse cunha empresa de inserción social para favorecer o traballo de persoas con difícil acceso ao mercado laboral.
Por último, incorporaranse dúas ramplas para garantir a accesibilidade aos estrados; unha estará fixa na sala de vistas número 1 -a de maior tamaño- e a outra será móbil para poder utilizala en calquera das outras salas.