Besteiro denuncia que Rueda devolve 22 M€ e renuncia a 3.266 novas prazas de escolas infantís “co fin de fortalecer ao sector privado”

por Redacción Galicia

Os fondos devoltos pola Xunta, enmarcados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, estaban destinados á creación de prazas públicas en zonas prioritarias, incluíndo áreas rurais e con risco de exclusión social.

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe a decisión do Goberno de Alfonso Rueda de devolver máis de 22 millóns de euros de fondos europeos destinados á creación de prazas públicas de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos. «Esta é unha mostra máis da incapacidade do PP para xestionar os fondos europeos e da súa aposta por un modelo que beneficia intereses privados por enriba do público. Xa o fixeron en Andalucía, é o modus operandi da dereita de Feijóo, á que pouco ou nada lle gusta o público», declarou Besteiro.

Esta devolución é froito, por unha parte, da súa incapacidade para xestionar a pesar de que recibiu 34,8 millóns de euros no ano 2021 tras comprometerse na Conferencia Sectorial de Educación a crear 3.417 prazas públicas. Ten aínda un ano de prazo para executalas, pero optou por non facelas xa que en tres anos só foi capaz de crear ou ampliar con 205 prazas a rede pública.

Os fondos devoltos pola Xunta, enmarcados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, estaban destinados á creación de prazas públicas en zonas prioritarias, incluíndo áreas rurais e con risco de exclusión social. Con esta decisión, o Goberno galego opta por manter un sistema de centros de xestión privada.

Actualmente, das máis de 30.000 prazas dispoñibles en Galicia, máis dunha terceira parte pertencen á rede privada (13.552), outra terceira á pública autonómica (10.142) e case un 20% aos concellos. Mentres a Xunta devolve fondos europeos, compromete unha financiación de 45 millóns de euros para a gratuidade das escolas infantís privadas no ano 2025. Besteiro considera que «é evidente que o PP ten un interese claro en favorecer o modelo concertado, no que a renda familiar non é un criterio de acceso, perpetuando así as desigualdades».

E mentres devolve os cartos, Rueda incide en afogar economicamente aos Concellos xa que, segundo denunciou a propia Fegamp, a Xunta só lles paga 93 euros mensuais por alumno/a ás escolas infantís municipais, fronte aos 310 euros que reciben as empresas privadas. Este financiamento desigual, segundo Besteiro, evidencia «unha política que despreza o público e favorece sistematicamente intereses privados».

O secretario xeral dos socialistas galegos lembra que esta situación replica o ocorrido en Andalucía, onde tamén se devolveron fondos europeos similares. No caso andaluz, os recursos redistribuíronse a outras comunidades autónomas que solicitaron máis prazas públicas e gratuítas. «Galicia perde máis de 22 millóns de euros que poderían transformar a vida das familias galegas, especialmente nas zonas rurais e máis desfavorecidas. Mentres outras comunidades avanzan, aquí retrocedemos», afirmou o líder socialista.

O PSdeG fixo un chamamento á cidadanía para defender un modelo educativo público, universal e de calidade. «Non podemos permitir que o PP siga desmantelando os servizos públicos, sexa en educación ou en sanidade. Galicia merece un goberno que poña ás persoas no centro das súas políticas»

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario