Galicia aumenta o seu peso no programa marco de I+D+i da UE

Galicia é a sexta Comunidade con máis participación e retorno

Galicia sitúase na sexta posición entre as comunidades autónomas a nivel nacional en canto a participación e retorno no programa marco de I+D+i da Unión Europea, Horizonte Europa (HE), no período 2021-2023, segundo datos feitos públicos polo Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A Comunidade mellora tanto en termos absolutos como relativos, respecto do conxunto do Estado, pasando dun 3,12 % no programa anterior 2014-2020 a un 3,64 % nos tres primeiros anos de HE, así como da media da UE, representando agora un 0,39 % fronte a un 0,29 % no período previo.

As entidades galegas captaron nos tres primeiros anos de HE 124,3 millóns de euros, o que supón un 65 % do total captado no programa marco anterior completo, a través de 99 entidades que participaron en 261 actividades de I+D+i (das que liderou 65).

Das 99 entidades que obtiveron financiamento a través do programa HE, 54 son empresas, das que un 87 % son pemes. O liderado desta captación de fondos foi para as universidades, que captaron un 38,05 % dos recursos, seguidas polos centros tecnolóxicos (30,60 %) e as empresas (18,93 %). A continuación, sitúanse as asociacións, cun 6,47 %; a Administración Pública, cun 2,19 %; os centros públicos de investigación, cun 1,92 %, e as asociacións de investigación, cun 1,84 %.

Aimen, USC e UVigo

Entre as entidades beneficiarias destacan o centro tecnolóxico Aimen, que se atopa entre os 20 primeiros participantes a nivel estatal, seguido pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

Por áreas temáticas, destaca a participación galega en industria, alimentación, bioeconomía, recursos naturais, agricultura e medio ambiente, accións de formación do programa Marie Sklodowska-Curie destinado aos doutorados e a formación posdoutoral, proxectos de alta tecnoloxía do Consello Europeo de innovación (Explorador EIC), e enerxía e investigación excelente. As áreas nas que Galicia sobresae respecto do conxunto do Estado son industria (8,5 %), alimentación, bioeconomía, recursos naturais, agricultura e medio ambiente (6,5 %), Explorador EIC (6,1 %), accións Marie Sklodowska-Curie (4,7 %) e clima (3,7 %).

Comparte éste artículo
No hay comentarios