Comisións Obreiras (CCOO) mobilizarase para reclamar xustiza na devolución do IRPF dos antigos mutualistas. O sindicato denuncia que o proceso establecido polo Goberno central está a xerar discriminacións e agravios comparativos entre as persoas afectadas, polo que urxe a aplicación de medidas correctoras. Así mesmo, anunciará as medidas a adoptar nunha conferencia de prensa que terá lugar este xoves, día 13 de febreiro, ás 11:30 horas, na sala de prensa da Unión Comarcal de CCOO da Coruña.
A reforma fiscal deixou sen efecto as devolucións
Tras diversas sentenzas na súa contra, a AEAT recoñeceu a comezos de 2024 o dereito das persoas pensionistas a reduciren unha porcentaxe da súa base impoñible do IRPF, en función das cotizacións realizadas ás antigas mutualidades entre 1967 e 1978 (un 25 % da parte correspondente da pensión) e as anteriores a 1967 (100 %).
Para facilitar a devolución, en marzo dese ano habilitouse un formulario electrónico para facilitar o proceso. Porén, unha disposición incluída na reforma fiscal aprobada polas Cortes Xerais deixa sen efecto as solicitudes de devolución que non estivesen resoltas antes do 22 de decembro do 2024, ao tempo que desactivaba o xa mencionado formulario.
CCOO denuncia unha situación inxusta
CCOO considera inxusto que moitos traballadores e traballadoras, que cotizaron durante anos aos antigos sistemas mutualistas, vexan limitadas ou incluso negadas as devolucións que lles corresponden. O sindicato insta ao Goberno a adoptar mecanismos que garantan a equidade e a transparencia no proceso, evitando que determinadas persoas queden excluídas de forma arbitraria.