O BNG en Dozón esixe a dimisión do alcalde Adolfo Campos Vázquez tras ser condenado por homicidio imprudente

O BNG en Dozón pide ao PP que lle esixa ao alcalde de Dozón á dimisión logo dunha sentenza do Xulgado do Penal nº 1 de Pontevedra que «o condena por un delito contra o dereito dos traballadores e por homicidio imprudente en calidade de Conselleiro delegado da empresa familiar lalinense, Frigodeza».

A conduta exemplar que o PP esixe para o resto dos grupos políticos en todos os ámbitos só é críbel se aplican a mesma vara de medir a si mesmos.

Neste caso, non estamos ante unha imputación ou investigación, senón ante unha sentenza, aínda que é recorríbel, imponlle inhabilitación para exercer o dereito ao sufraxio pasivo. Sendo máis grave a imposición da inhabilitación para traballar en empresas de sacrificio de animais.

Dende o BNG entendemos que alguén a quen inhabilitan para traballar con animais, está máis que inhabilitado para exercer o cargo público de alcalde e traballar e xestionar os recursos da veciñanza.

A imaxe do concello de Dozón, a través do alcalde Adolfo Campos Vázquez, do Partido Popular, segue na liña turbia e caciquil do seu predecesor.

A súa dimisión non se pode demorar máis, debe dimitir xa!

Comparte éste artículo
No hay comentarios